Vitaminas culturais para o inverno
Os Venres Culturais traen a nomes recoñecidos do teatro e da música galega, como Chévere, Acadacanto, NARF e Cándido Pazó
Chévere na Ultranoite "O país dos ananos"
Carballo afiánzase como unha das vilas galegas cunha aposta máis intensa pola actividade cultural. A programación de inverno tráenos este ano a grandes nomes do teatro e da música galega. Tal é o caso do Grupo Chévere, que vén de converterse na primeira compañía galega en recibir o Premio Nacional de Teatro, ou de Cándido Pazó, que foi merecente, en 2014, do Premio da Cultura Galega. E así acontece tamén con Fran Pérez, NARF, e co grupo Acadacanto, que contan ambos os dous con senllos premios Martín Códax da Música.
Mais non será o único que nos traian os Venres Culturais que, para comezar, non só terán lugar na antesala da fin de semana, senón que tamén, no que á programación infantil se refire, se extenderán ao domingo. Haberá lugar, ademais, para a arte, cun total de catro exposicións, tres delas ao redor da fotografía (as de Juan Casares, Rita Blanco e a Asociación Fotográfica Os Potiños) e unha de carácter pictórico, do profesor Xulio García Rivas.
Tamén reservará espazo, a programación cultural de inverno, para a reflexión e a crítica. O 7 de febreiro proxectarase a película documental que a realizadora Cora Peña dedica a Corcoesto ("O tesouro de Corcoesto"). E, o 23 de xaneiro, contaremos, ademais, cunha cita de nome e renome internacional, o TED, na súa versión galega, o TEDxGalicia, que estará dedicado á temática "Faino ti", un chamado á responsabilidade persoal e ás capacidades propias para cambiar a realidade e mudarnos a nós mesm@s. Será o venres 23 de xaneiro, intervirán un total de dez relatores que falarán de cuestións como o emprendemento, a acción social ou a arte, e contará coa presenza da artista carballesa Milagros Cotelo, exemplo de superación.
O teatro e a música máis premiada
NARF
A programación teatral estará ensarellada neste inverno por cinco citas, dende o "Demolición" de Talía, que a propia compañía define como "comidrama" (16 de xaneiro) até "O crédito", o 19 de marzo, de EME2, con dous coñecidos actores, Antonio Durán "Morris" e Pedro Alonso. No medio, momentos fortes como o que promete a "Ultranoite", que aterrará o grupo Chévere o 30 de xaneiro, dedicada nesta ocasión ao "país dos ananos"; a escrita dramática dun dos autores europeos de máis éxito na actualidade, Marius Von Mayenburg, que será representado por Il Maquinario Teatro, ou a proposta de Teatro do Atlántico, "O principio de Arquímedes", o 6 de marzo, que xa ten conseguido importantes éxitos en Cataluña e no eido internacional.
A oferta musical comezará o venres 27 de febreiro con NARF, un compositor e cantante galego de longo percorrido que nos ofrecerá un espectáculo intimista no que olla polo retrovisor ao mellor dos seus últimos traballos discográficos, aos que incorpora temas inéditos. Acadacanto estará con nós o venres 13 de marzo, unindo a mestría das voces de Guadi Galego e Xabier Díaz coa guitarra de Guillerme Fernández e o acordeón de Xosé Lois Romero. E non podía faltar outra cita tradicional no inverno carballés, o RockCarballo, que o 27 de marzo reunirá ás bandas locais Amenaza de Muerte, Dude, Killer Cats, Strobos, Lowcos, Arabian Evils, Versión Imposible e Kids.
Para as minchas da casa
Mundo Mandarina
O público familiar poderá gozar en Carballo do primeiro espectáculo infantil dun dos senlleiros do teatro galego, Cándido Pazó, que traerá a Carballo o seu "Ra, ra, ra". Respresentarao coa súa compañía Abrapalabra Creacións. Tamén teremos a Tanxarina Teatro (o 25 de xaneiro), unha das compañías máis veteranas no universo galego dos monicreques, cun espectáculo que achegará ás e aos cativos á problemática dos desafiuzamentos.
O 8 de febreiro, serán as minchas das minchas as protagonistas, pois o espectáculo "Chíos", de Teatro da Semente, está dirixido a bebés de 0 a 3 anos. E o 1 de marzo chega a Carballo , con "Laboratorio máxico", Mundo Mandarina, cunha importante traxectoria no ámbito do novo circo.