Axenda da finde
Esta finde, remate intenso do Novembro Musical, concertos nas salas Dublín e A Reserva e subida sendeirista ao Monte Neme.
VENRES
Concerto de corais. Pazo da Cultura. 21.00h. De balde. Dúas das corais máis importantes da comarca, a Polifónica de Bergantiños e o Coro Aires de Bergantiños, actúan este venres dentro do programa "Novembro con música". Será unha oportunidade, ademais, para escoitar dous estilos distintos dentro do ámbito coral. A Polifónica de Bergantiños caracterízase por un repertorio máis clásico dentro da polifonía mentres o Coro Aires de Bergantiños se decanta pola música tradicional galega.
Actuación poético-musical de AldaoLado. A partir das 23.00h. Sala A Reserva. As poetas Lucía Aldao e María Lado volven a Carballo para presentarnos "After", un traballo no que combinan a música, a poesía e o humor. Recuncan na nosa vila despois da boa acollida que tiveron na edición de 2013 da Rúa dos Contos.
Concerto de Sensacional. 00.00h. Sala Dublín. 5 euros. "Un deses concertos que se goza de verdade". Así anuncia a Sala Dublín a actuación, mañá, do grupo "Sensacional", que presentará o seu novo disco "Relatos e invenciones de hoy", dentro do ciclo Sinerxias que, dende principios deste mes, organiza a Dublín. Pop elegante, clásico e melódico o desta formación que vén de estrear novo traballo.
SÁBADO
Concerto da Banda Municipal de Música de Carballo. Pazo da Cultura. 21.00h. De balde. A banda municipal carballesa, que dirixe Vicente Pérez Planells, ofrecerá o seu tradicional concerto de Santa Cecilia cun repertorio integrado por temas de banda como pasodobres, pezas tradicionais galegas ou canción española.
DOMINGO
Sendeirismo. Subida ao Monte Neme. A asociación ambiental Senda Nova remata o seu "Outono en marcha" con esta última ruta da tempada que leva por nome "Polas terras do wolfram". Dende Oza partirase cara ao Monte Neme, importante punto de extracción de wolfram na II Guerra Mundial. Ademais de ver os restos da actividade mineira, o ascenso ao Monte Neme, o punto máis elevado do concello, permitirá gozar dunhas amplas vistas que van dende a costa malpicana até alén A Coruña, en día despexado. Máis info aquí.
Teatro infantil. Estrea de Animundis. Pazo da Cultura. 18.00h. De balde. Catro músicos, unha actriz e un actor en escea para representar unha historia divertida e conmovedora que fala da intolerancia, a de Bim "o pingüín frioleiro" e Kiwi "o paxaro que non pode voar". Será a estrea dunha nova compañía carballesa, Animundis, que se dá a coñecer coa obra do mesmo nome. A música, do funky ao swing e o rock, contará con gran protagonismo. Benjamín Queiro, alma mater do proxecto creou, de feito, antes a música que o texto.