Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A Biblioteca do Rego da Balsa, un fervedoiro de...

Compartir:

A Biblioteca do Rego da Balsa, un fervedoiro de actividades

Botou a andar o 24 de outubro e xa ferve con actividades. Obradoiros, master-class, presentacións de libros e concertos enchen o programa inaugural da nova biblioteca.

Hai apenas unhas semanas que se inaugurou e a biblioteca do Rego da Balsa, a nova biblioteca de Carballo, está xa chea de actividade. Dende o 7 de novembro até o 19 de decembro, acollerá un completo programa de actividades inaugurais, cun total de 14 citas, nas que participan persoas ben coñecidas da cultura galega, como a poeta Yolanda Castaño, a narradora María Reimóndez ou o músico Xabier Díaz. Haberá presentacións de libros, masterclass, concertos educativos, contacontos e obradoiros do máis peculiar, dende beatbox até impresión 3D, scrapbooking ou washi-tape. Pretenden, sobre todo,  atraer a curiosidade sobre todo de nen@s e tamén adolescentes, un público este último adoito esquecido da programación cultural. O obxectivo, que o edificio deseñado por Óscar Pedrós reborde de enerxía, con actividades para gustos diversos e idades tamén diferentes, e que se converta nun referente de creación e difusión cultural, en verbas da concelleira carballesa de Educación e Cultura, Mar Eirís.  

As actividades aproveitarán espazos como o auditorio da Biblioteca, con capacidade para unhas 80 persoas, e tamén todas as posibilidades audiovisuais e de novas tecnoloxías que ofrecen as instalacións, ademais dos libros. Queren traer á nova biblioteca persoas de diferentes idades e preferencias. Quen guste das citas literarias poderá asistir ás presentacións dos libros de Alfonso Eiré, María Reimóndez ou Yolanda Castaño. A quen teña bebés, seralle de seguro útil o obradoiro de nanas que impartirá Xabier Díaz e Guillerme Fernández, ou o espectáculo de contacontos para bebés de Raquel Queizas. A quen teña curiosidade polas novas tendencias musicais, halle de ser de intereseo obradoiro-demostración de beatbox, a arte de facer música coa boca, que impartirá Xenderal. Nenos e nenas que queiran mellorar a súa lectura poderán facelo na actividade "Perros y letras", aprendendo a lerlle a un can… E a cousa non remata aquí.  

Podedes consultar o listado completo de actividades no documento abaixo adxunto. Se tedes interese en asistir a algunha delas, lembrade que deberedes inscribirvos nas propias instalacións da rúa Bos Aires, ou a través do enderezo <biblioteca@carballo.org>, ou do teléfono 981 758 580.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica