Carballo mirando ao mar
O novo proxecto GAC incluirá actividades educativas e formativas, roteiros, bautismos de surf, e o emprego da creatividade como ferramenta de promoción.
"Un lugar na costa máis pendente do campo que do mar, como un do interior". Así definía o noso humorista máis mediático, Rober Bodegas, Carballo. É o noso un concello perfilado pola fermosura salvaxe da Costa da Morte, mais que ha de aprender a descubrir a súa beleza mariña e a potenciala.
O novo proxecto GAC nace co obxectivo de sensibilizar á poboación de que Carballo ten costa, e non só no verán, senón ao longo de todo o ano, unha área para o lecer nun espazo cun alto valor ecolóxico, integrado de feito, na Rede Natura. Así o recalca o concellal de Promoción Económica, Xosé Regueira. Xa no primeiro semestre do ano que vén se desenvolverá un completo programa que inclúe actividades formativas, culturais e creativas, así como visitas dirixidas a colexios, institutos e ao público en xeral.
Roteiros e bautismos de surf
Surf en Razo
Organizaranse, para o alumnado de Infantil e Primaria, roteiros de Razo a Baldaio, visitas ornitolóxicas, co fin de coñecer o paraíso que para as aves Baldaio é, e unha xornada coas mariscadoras da asociación Fonte de Santa Irene, co fin de que pidan coñecer a súa forma de traballar e de relacionarse co mar.
Os roteiros tamén están pensados para seren realizados polo alumnado de Secundaria, a quen, ademais, se dirixe a actividade denominada "bautismos de surf". Pretende promover entre a mocidade local a práctica deste deporte, que nas varias escolas de surf do noso concello aprenden e practican os rapaces e rapazas que todos os anos aquí chegan dende diferentes puntos do Estado e do mundo.
Mais, tamén o público en xeral se organizarán actividades para coñecer mellor o noso espazo litoral. Serán visitas guiadas pola asociación ambiental Senda Nova, con ampla experiencia na creación e organización de roteiros pola zona.
Creación e formación
Botando man da creación, vaise facer chegar tamén o mar á vila, á capital bergatiñá, á que separan uns quilómetros da liña de costa. Dentro da iniciativa "Derrubando muros con pintura", que está a semear con arte urbana as paredes da vila, abrollarán ao longo do ano que vén varios murais que terán o noso océano e a nosa costa como inspiración.
Así mesmo, organizaranse concursos de vídeos realizados dende dispositivos móbiles sobre a zona litoral. Tamén un concurso fotográfico e un certame poético que nutrirán de textos e imaxe o libro que se editará baixo o título "Carballo mirando ao mar". Formación A formación estará orientada a saídas profesionais relacionadas con ámbitos como a educación ambiental, a xestión de recursos mariños ou o marisqueo.
O programa rematará en xuño do ano que vén tras máis de medio ano ao redor dun obxectivo, en principio sinxelo, ouao mellor non tanto, facer que descubramos a nosa beleza mariña. Porque moitas veces, o que máis nos custa é valorarnos.