Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Unha nova biblioteca para Carballo

Compartir:

Unha nova biblioteca para Carballo

Conta cun fondo de 5.000 libros, ademais de prensa, música, material audiovisual e dispositivos electrónicos.

“Hoxe sinto que gañei o día”. Así concluía Manolo Rivas a súa intervención na inauguración da nova biblioteca pública de Carballo, feliz por ser brindeiro  dun espazo concibido para o encontro de persoas de diferentes xeracións, dende bebés e adolescentes até xente maior, de formatos diversos (dende libros, até música ou vídeo) e para funcionalidades tamén varias: dende ler un libro até xogar, asistir a unha actuación ou ir a unha conferencia. Un auténtico almeiro, nas súas verbas, en referencia a aquel lugar dos fondos oceánicos que as xentes de mar recoñecen por ser espazo de vida, de cría e de fertilidade.

Foi un momento especial nunha xornada xa de por si tamén especial, o Día Internacional das Bibliotecas. Ás e aos veciños de Carballo,que encheron as instalacións do edificio no día da súa presentación, dedicóuselles a placa conmemorativa. Nela faise constar que son as xentes que habitan Carballo as que o inauguraron este 24 de outubro de 2014. Na tardiña deste venres, os bebés enchían a bebeteca; @s nen@s remexían entre os libros e @s maiores parolaban e curioseaban entre os andeis e os recunchos do novo edificio. A do Rego da Balsa será máis mediateca que biblioteca, máis espazo de encontro onde se poida interaccionar cos libros e cos diversos soportes da cultura, que eses vellos templos do saber ao que acudir en actitude de recollemento.

Libros e moito máis

A biblioteca, que está xa integrada na Rede Galega de Bibliotecas, conta cun fondos de 5.000 libros, ademais de prensa diaria, revistas, e material audiovisual e musical e dará acceso a tablets e dispositivos portátiles para poder gozar deles no propio edificio. Dispón, ademais, dun auditorio con capacidade para unhas 80 persoas, bebeteca para @s máis peques, sofás e espazos de esparcemento para poder gozar dos libros comodamente e un oco tamén para @s adolescentes, que adoitan ficar excluídos deste tipo de espazos.

A biblioteca foi construída no Rego da Balsa, unha antiga braña que, durante moitos anos, estaba á marxe do centro da vila malia a estar a un paso, e que agora cobra nova vida e se integra no dinamismo do núcleo urbano. O edificio, do arquitecto Óscar Pedrós, simboliza na súa luminosidade, conseguida con amplas cristaleiras e un patio interior no que medra a árbore que dá nome a vila, un Carballo, a súa concepción como espazo aberto ao encontro e ao futuro.

A cultura, motor da vila

As novas instalacións son mostra da aposta que a vila está a facer nos últimos anos pola cultura como motor económico, mesmo en tempos de crise, e como a mellor carta de presentación coa que a vila se dá a coñecer no exterior.

Iniciativas como o proxecto de arte urbano “Derrubando muros con pintura” ou o Festival Internacional Outono de Teatro, un dos máis importantes de Galicia, son testemuño.

A biblioteca, que comeza a funcionar o luns, 27 de outubro, está aberta, de luns a venres, en horario de 10.30 h a 13.30h, e de de 16.30h a 20.30, e os sábados, de 10.00h. a 13.00h.     .


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica