Chega a Oktoberfest carballesa
A popular festa alemá da cervexa replícase en cidades do mundo enteiro, e Carballo non é unha excepción. Do xoves 16 ao domingo 18 de outubro na rúa Perú.
A Oktoberfest é unha das máis importantes festas populares do mundo. Ten lugar dende hai xa máis de 200 anos en Munich, entre os meses de setembro e outubro mais, como a diversión non entende de fronteiras, hoxe en día son moitos os lugares das máis diversas latitudes que se unen a esta celebración na que a cervexa é protagonista.
A de Carballo, que este ano chega á súa quinta edición, é a máis veterana das tres Oktoberfest oficiais que hoxe en día teñen lugar en Galicia. Non faltará a cervexa alemá, como en toda Oktoberfest que se prece, nin tampouco a raíña da gastronomía xermana, as salchichas, mais, como non todo vai ser comer e beber, tamén haberá lugar para os concertos e a música en vivo e tamén, para outras actividades paralelas.
A Oktoberfest consolídase na programación carballesa, xunto a outras citas, como a Rúa dos Contos e o Festival Internacional Outono de Teatro, que fan do outono carballés un dos máis intensos, no que a actividades se refire, de Galicia. Está organizada pola asociación cultural 13 lagartos, coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo, e medra con cada edición.
Este ano, a superficie da carpa pasa de 1.200 a 1.500 metros de superficie ocupada, e o escenario estará situado no centro, non ao fondo, para seguir o exemplo das Oktoberfest xermanas. Aumentará a variedade de cervexas, de modo que, xunto ás Paulaner orixinal poderán degustarse tamén Smithwicks´s, Guinnes e Aflingem Double, e tamén contará cun abano máis amplo de comidas. E haberá, tamén, a posibilidade de reservar, nun espazo máis elevado, para 4 ou 8 persoas, en mesas longas de oito asentos que propician o encontro de grupos diversos, atendendo ao espírito orixinal da festa.
Música ao vivo
Poñerán a banda sonora os carballeses Lowcos e mais Stoner Hill, o xoves, A banda de Balbina e El roce de Juliette, o venres, ou os carballeses Paco Felípez y los Quel e Not only Shills, que chegan dende Ponteceso e Corme. E haberá lugar, ademais, para @s peques: o domingo, a partir das cinco da tarde, estará aberto un circuíto de karts a pedais , que incidirán no programa de actividades de educación vial para a infancia que desenvolve o concello, así actuacións de baile moderno coa Escola da rúa, e tamén do grupo de gaitas Lembranzas de Bergantiños.
O festival inaugura, este ano, un espazo para a solidariedade, que estará destinado nesta ocasión ao carballés José Mato. A el destinarase o diñeiro recadado no roupeiro que se habilitará, no que se poderá gardar a roupa a cambio dun euro.