Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Metrominuto: Carballo en pé e a pé

Compartir:

Metrominuto: Carballo en pé e a pé

Mais dunha vintena de carteis, similares aos do metro, indicarán as distancias e o tempo que leva ir de un a outro punto da cidade a pé.

Carballo é unha vila que facilmente se pode percorrer a pé. É unha das moitas vantaxes de ser unha pequena cidade, ou unha vila grande.  Segue sendo xeitosa para camiñar. É posible facer as compras, desprazarse dun barrio a outro, ou ir ao centro médico ou á escola sen necesidade de coller o coche.  E iso, fomentar a mobilidade peonil, é o que pretende Metrominuto, unha iniciativa protagonizada por unha vintena de carteis, similares aos do metro, con planos lineais, que serán colocados no núcleo urbano, e nos que se indicarán as distancias e o tempo aproximado de percorrido a pé entre distintos puntos de interese da vila. Os dous primeiros, xunto a dous dos principais colexios da vila, os  CEIP Fogar e Bergantiños, foron xa instalados con motivo da celebración das Xornadas de Mobilidade e de Autonomia Infantil que tiveron lugar entre o 1 e o 7 de outubro.

O mapa ten como centro a Praza de Galicia e, dende alí, indica as distancias cara a colexios e institutos, Fórum, biblioteca, concello, instalacións deportivas, centro de saúde e as principais rúas.

O proxecto pontevedrés foi tan ben acollido que mesmo mereceu o premio  europeo de mobilidade, o Intermodes. Agora, está a ser trasladado á capital bergantiñá, como un dos varios esforzos que se están a levar a cabo para humanizar a vila. Por varias das súas arterias máis céntricas hoxe en día é posible camiñar sen tráfico polo medio. Tal é o caso da Rúa Coruña, na que os coches foron substituídos polas terraciñas dos cafés, @s nen@s a xogar e @s maiores a parolar con toda a calma do mundo neste que xa é un dos principais puntos de encontro da vila.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica