"O meu mural vai ser unha metáfora visual, unha reflexión ao redor do mundo da arte"
Entrevista a Sokram, o artista urbano que está a pintar o lateral do Pazo da Cultura
Sokram pintando no exterior do Pazo da Cultura
Artista gráfico, deseñador e vocalista do colectivo Dios ke te crew. Esta é a ficha de presentación de Sokram, o encargado de darlle nova vida ao lateral de ladrillo do Pazo da Cultura. Pistola en man (de pintura, claro está), prefire non adiantar moito do seu mural. Quere manter o efecto sorpresa, mais algunha que outra cousa conseguimos sonsacarlle…
-Que estás preparando para o lateral do Pazo da Cultura?
-Estase facendo (risos) Prefiro non adiantar, para que non se perda a sorpresa e tamén para que cada quen interprete o que lle suxira. Vai ser unha metáfora visual, unha reflexión ao redor do mundo da arte, e da arte urbana en concreto, cunha compoñente de superación técnica e persoal.
-Esa parede é de ladrillo. Dificúltache o traballo?
-Ao ser a parede de ladrillo, é un pouco máis complicado traballar nela. Xa sei como é este tipo de superficie, por experiencias pasadas. Por iso estou pintando con pistola, porque non tes que andar tocando a parede, que é rugosa. Así podo pintar máis rápido e conseguir os efectos desexados.
-Vai ser un graffiti?
-Vai ser un mural. O que se entende por graffiti é subxectivo. A visión máis ortodoxa e purista só o considera graffiti se é con spray e é ilegal, ou se é con spray e feito con letras. Pode ser un graffiti, pero basicamente vai ser un mural, unha obra artística nunha parede.
-En Ordes, de onde es, estades traballando dende hai varios anos noutra iniciativa de arte urbana, o Desordes Creativas. Como foi a túa experiencia?
-O Desordes Creativas é un festival internacional de arte na rúa que celebrou xa este verán a súa sétima edición. Xorde da asociación cultural Cultivarte e mais do estudo de deseño e creación Mutante Creativo, que temos Mou [autor dun dos murais do Derrubando Muros, o que amosa un gran buzo] e mais eu. Temos apoio institucional, por parte do Concello, mais insuficiente,
O lateral do Pazo da Cultura que Sokram está a pintar
-Como xurdiu a idea de Desordes Creativas?
-Por unha banda, da nosa pasión por este mundo da arte urbana. Por outra, dunha necesidadeda vila. O festival Desordes Creativas comezou sendo unha cousa máis pequena. Empezamos pintando nun muro só e cos anos fomos falando cos veciños e conseguindo máis espazos. Ordes tamén sofre desta corrente artística que lle chaman feísmo e hai moitas paredes que necesitan unha man de cor e un pouco de vida. A arte ten unha faceta rehabilitadora e é, ademais, soporte de diálogo social e de pensamento crítico.
-As actuacións sobre as paredes céntranse no período do festival ou esténdense ao longo do ano?
-As actuacións sobre as paredes concéntranse no período do festival, neses días do verán. A veces, os que somos residentes en Ordes facemos obras durante o ano.
-Que supuxo para a vila de Ordes esta iniciativa?
-Para a vila eu creo que supón un pulo moi grande, tanto por esa parte rehabilitadora que ten a arte como polo interese cultural e turístico que xera. Na web do festival temos visitas de todo o mundo. Mesmo temos máis visitas de fóra do estado que de dentro. E hai xente que se achega a Ordes a ver os muros, cando a nosa non é unha vila turística en si mesma.
"Paréceme unha iniciativa moi loable por parte do Concello, e o feito de que ademais saia da Concellaría de Promoción Económica."
-Falábasme antes da función de diálogo social. Que tipo de mensaxes queredes facerlles chegar a xente?
-Unha das premisas do festival é deixarlle liberdade creativa ao artista. Nós facemos un labor de selección dos artistas que participan, mais despois o traballo que fagan na vila é libre. Aos veciños, para os que non representa un custe económico a actuación nas súas paredes, pídeselle que dean liberdade creativa.
-Que tal acolle a veciñanza o Desordes Creativas?
-Hai unha moi boa acollida. En xeral, a aceptación é moi boa, porque a xente comprende que se trata de embelecer a vila e de facer un gran museo de arte pública ao aire libre, gratuíto, para todo o mundo. É levar o arte ao soporte público, que é a rúa.
-Cales son as diferenzas co Derrubando Muros?
-O Derrubando xorde do concello de Carballo, e iso é algo importante porque aquí se conta con máis medios que os que temos nós. A nós nos gustaría contar cun apoio como o que tedes aquí. Paréceme moi loable por parte do Concello, e o feito de que ademais saia da Concellaría de Promoción Económica. É moi boa idea.