Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Xiria Pop e o festival do alternativo en Carballo

Compartir:

Xiria Pop e o festival do alternativo en Carballo

O sábado e o venres, grupos de Estados Unidos, Irlanda, Inglaterra, Cataluña, País Vasco e Galicia traerán á nosa vila os sons da psicodelia, do rhythm and blues ou do indie americano.

O Xiria Pop carballés é un nome asentado no calendario dos festivais de música alternativa do noroeste peninsular. Nacido hai 17 anos no seo da asociación deportiva Xiria, o festival trae todos os anos a bandas dos máis variados confíns e estilos á capital bergantiñá. Nesta ocasión, os dous cabezas de carteis chegarán da outra banda do océano, de terras norteamericanas. Serán a banda de Seatle The Tripwires, que actuará o sábado, e Anton Barbeau, de Sacramento, que estará o sábado no pub Dublín, a sede do festival. Ademais, o Xiria Pop contará con grupos chegados de Londres, País Vasco, Cataluña e tamén de Galicia. Psicodelia, indie americano, melodías pop e rhythm and blues daranse a man nesta cita.

Venres: comezo calmo

A noite do venres comezará co grupo ferrolán Los huéspedes felices, que acadaron repercusión co seu último CD, Viajes en color, un fermoso traballo que ten sido definido mesmo como un dos mellores discos de psicodelia pop. Seguiralles a banda irlandesa Ginnels, que bebe dun pop máis clásico, influenciado por The Feelies, con evocacións aos oitenta, de guitarras nerviosas e rápidas. Antón Barbeau, coñecido polas súas melodías pop e as súas letras surrealistas, fará vibrar a sala, no peche da xornada, ao ritmo da psicodelia. Tocará nesta ocasión acompañado por músicos de bandas galegas, dous deles do grupo coruñés  Wolrus e un da banda pontevedresa Niño y Pistola.

Sábado: prohibido os pés quedos

A banda catalana Fuckin´ Bollocks inaugurará a xornada do sábado. Moi na liña Rolling Stone, prometen un directo bo e divertido, coa máxima entrega pola súa banda. Séguenlles o grupo vasco The Reverendos, que nos levarán aos sons dos anos 50 e 60 ao ritmo do swing e do rhythm and blues. Collerá o relevo Kings Salami &The Cumberland3, formacion londinense mais, curiosamente, sen ningún inglés entre os seus integrantes. A modo de anécdota, Marcos Sánchez, o guitarrista, é de Chantada e tocou no paso no grupo de bravú, Rastreros. O seu é un rhythm and blues gamberro, moi divertido. "Como nos os paremos, tocarán até que caian de cú", ri Xavier Graña, o organizador do Festival.

O prato forte, The Tripwires, quedará para o final. En Carballo teremos o privilexio de ser o único lugar de Galicia onde actúan na súa xira polo EStado. A banda conta con músicos de recoñecido prestixio, como como o vocalista John Ramberg, que ten tocado para grupos coñecidos e de calidade como The Model Rockets e The Minus5.

Popalabras: libros e música

O Xiria Pop irá acompañado este ano pola palabra escrita. Dentro do Popalabras, serán presentados dous libros ligados ao mundo da música e relacionados entre si, canto que os dous están relacionados con Sonic Youth e o movemento dos grupos post-hardcore en norteamérica. Os dous serán presentados na Sala A Reserva, o venres e o sábado, á mesma hora, ás 19.30. La distorsión inteligente, de Marcos Gendre, abonda en grupos como Fugazi, Big Black, Shellac, The Jesus Lizard,Slint, Unsane, Girls Against Boys, Rites of Spring, etc. Será presentado por Alberto Vecino, O segundo libro, Estragos de una juventud sónica", de Ignacio Juliá, é a primeira biografía en español de Sonic Youth. Introduciránolo María Costa Pereira.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica