Axenda da finde
Comeza con enerxía o xullo festeiro. Haberá romarías en San Cristovo e Imende e verbena en Ardaña. Ademais, para as e os amantes do mundo do motor, a cuarta proba do Campionato de España de Autocross.
VENRES, 4 DE XULLO
Concerto de Apart . Pazo da Cultura. 20.30 h. A banda carballesa Apart ofrece un concerto en acústico na sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura, onde agora se pode ver a mostra "Arte e natureza", inaugurada ao comezo do San Xoán por unha trintena de artistas locais. Apart nace en 2013, cunha melódica voz feminina acompañada dun son coidado e potente, principais ingredientes cos que poñen en escena o seu repertorio, conformado por temas do rock e do indie internacional.
Ruta nocturna ao Pico da Meda. Na noite do venres ao sábado. A organización Senda Nova organiza unha ruta nocturna polo Pico da Meda, cume do concello de Zas que é en si un excelente mirador natural á Costa da Morte e ao interior das terras bergantiñás. A saída será ás nove da noite dende o horto ecolóxico de Carballo. A actividade custa 12 euros para o público en xeral e precisa inscrición previa, con data límite do 2 de xullo. Máis info na web de Senda Nova.
SÁBADO
XX Romaría do Gaiteiro. Praza de San Cristovo. A partir das 17.00 horas. A xornada comezará ás cinco co xogo da chave. Ás sete, terán lugar as actuacións dos grupos San Martín de Razo e Lembranzas de Bergantiños. Ás nove, será a homenaxe ao carballés José Pacoret Regueira, gran afeccionado á gaita que comezou a aprender e a tocar coa asociación de San Cristovo cando se xubilou, até que en 2013, problemas de saúde lle obrigaron a deixalo. Toca de oído, porque di non ter xa idade para "iso" do solfexo, e é tenor da Coral Polifónica de Carballo. Trala homenaxe, actuará o grupo de gaitas da Asociación Cultural San Cristovo e, despois, ás dez, será o churrasco (2 euros por vale para as e os socios, e 10 euros para quen non o sexa. A verbena comezará ás once e correrá a cargo do grupo Os Trastes.
XXII Romaría Galega. A partir das 19.00 h . Imende – Noicela Nesta nova edición da Romaría Galega de Imende, teremos as actuacións de balde do grupo de baile e pandeiretas Arume de Berdillo e do dúo Libertad. Non faltará a comida tradicional: polbo e carne ao caldeiro, a 10 euros a ración. Organiza a ACDR Baldaio.
TODA A FINDE
Albaroque de Arume. Local Social e pistas polideportivas de Berdillo Esta xornada de confraternidade, organizada pola asociación Arume, está aberta a todos os públicos e nela exhibiranse os traballos realizados polas entidades organizadora, con comida popular incluída. O sábado, a partir das once, haberá xogos infantís. O domingo, a xornada comezará ás 12.00 con con misa cantada polo coro Aires de Bergantiños. Pola mañá haberá exhibicións de acordeón e da Escola de Música e Baile Tradicional, así como das cantareiras Saraiba e do grupo de baile Bilitroque. As dúas e media será o xantar, con pan, viño e sardiñas de balde, e empanada e doces de pago. Pola tarde, exhibición de zumba, actuación das cantareiras e cantareiros de Arume e Névedas, danza do ventre, ritmos latinos, entrega dos premios dos xogos e queimada. Así mesmo, o domingo, estará aberta a exposición de fotografías, costura, "bolillos" e labores.
Festas de Ardaña. As findes do verán son, en Carballo, findes de festa. Neste principio de xullo toca en Ardaña, que celebrará as festas do Sacramento, no campo da festa xunto á igrexa parroquial. O sábado, a orquestra Amerikan Top actuará para a sesión vermú e para a verbena. E o domingo, estará o exitoso Combo Dominicano pola noite, xunto co grupo Troco. Ese día, pola mañá, haberá dianas e alboradas, e ao mediodía, a partir das 13.30, actuación do grupo de pandeiretas da asociación Santa María de Ardaña e sesión vermú conTroco.
VI Autocross Carballo. É a cuarta proba do Campionato de España de Autocross e nela participarán un total de 78 pilotos, entre os que se encontran os mellores de todo o Estado. Tal é o caso de "Cohete" (José Antonio Suárez, corredor oficial de ACSM no Campionato do Mundo de Rallys, que competirá na categoría Car-Cross sobre un Semog, xunto cos líderes do campionato con presenza xa confirmada:Marc Batlle, Jordi Puigbet, Juanjo Moll e o Maikel Vilariño. O venres pola tarde terán lugar as verificacións administrativas opcionais na explanada do Pazo da Cultura, que continúan o sábado pola mañá. Pola tarde, a partir das tres, comezan os adestramentos oficiais e terá lugar a primeira manga clasificatoria no Circuíto de Motor de Bértoa. O domingo poderemos ver a segunda manga clasificatoria e as finais a partir das once da mañá. A entrega de premios está previsto para as 12.30 horas.