Unha comprometida Babel en Carballo
O proxecto europeo XEM, ao redor do compromiso co medio ambiente, xunta en Carballo a moz@s de Eslovaquia, Italia e Francia.
Se escoitas falar a un grupo de moz@s pola rúa en italiano, francés, galego e eslovaco, non te belisques. Si, estás en Carballo. O conto é que un total de 28 rapaces e rapazas, de diferentes puntos de Europa, van pasar estes días con nós na vila. Colaborarán no proxecto europeo XEM, que organizan a asociación ambiental Senda Nova e mais o Concello de Carballo, unha iniciativa que ten como fin fomentar tanto o compromiso co medio ambiente como estilos de vida saudables.
Dende o 2 de xullo até o día 9, en total unha semaniña, e coa titela de Senda Nova, participarán en diversas actividades no noso concello, algunha delas abertas a todo o mundo que nelas queira participar, como a ruta nocturna ao Pico da Meda, o 4 de xullo, ou a andaina polo bosque da Ribeira da Pena, unha das masas arbóreas autóctonas máis importantes da Costa da Morte, o luns 7 de xullo. Ambas as dúas actividades son de pago para o público xeral (12 euros o roteiro nocturno e 6 a andaina por Ribeira da Pena) e precisan inscrición previa.
"Se escoitas falar a un grupo de moz@s pola rúa en italiano, francés, galego e eslovaco, non te estrañes. Un total de 28 rapaces e rapazas, de diferentes puntos de Europa, van pasar estes días con nós na vila"
Tamén haberá lugar para informarse, como nas charlas da Asociación Galega de Apicultura, o 4 de xullo ás 17.30, de balde no Pazo da Cultura, e sobre Ribeira da Pena que, o 7 de xullo, antes do roteiro, impartirá Evaristo Domínguez Rial, no Pazo ás 10.30 e con entrada libre. E, como non, non pode faltar a música e a festa. No pub O Patacón, ás 23.30 e de balde, actuarán "Os dous de sempre máis un" o martes 8, para despedir aos rapaces e rapazas do proxecto XEM.
Xunto con Senda Nova, participan na iniciativa o Centro Voineho Casu CVC Kosice Youth Regional, de Eslovaquia, a asociación xuvenil francesa Jeunesse et Reconstruction, que chegan de París, e a Associazione Onlus Levitazione, de Turín.