Cultivando o verán no horto infantil municipal
Medio cento de peques de infantil e primaria desenvolverán iniciativas pioneiras, como o cultivo en palla
O cultivo en palla será unha iniciativa pioneira en Galicia
Comeza unha nova xeira no horto infantil municipal. Despois do éxito dos obradoiros da primavera, que encheron de vida e bulicio infantil o horto, xullo comeza con catro novos cursos que teñen como fin aprenderlle aos nosos cativos e cativas a gozar, convivir e traballar coa natureza. Máis de medio cento de nen@s de infantil e primaria están xa matriculados aos obradoiros de verán: introducción á horta sinérxica (é dicir, a maridaxe de cultivos que se poden facer á par e ao carón, como o millo e as fabas), xardín ornamental, a nosa horta e o cole da herba.
Algunha das iniciativas que se desenvolverán neste noso horto urbano son pioneiras en Galicia, como o cultivo en palla, que se levará a cabo no cole da herba. Si, entre a palla e sen terra, de forma completamente natural, sen químicos, e tomando nota da agricultura ecolóxica e da permacultura, unha forma de cultivar que pretende recuperar, dos primeiros tempos da agricultura, maneiras de traballar coa terra máis respectuosas coa natureza. Outro dos proxectos que se barallan para o verán é a elaboración de elementos naturais para o tratamento das pragas. De seguir así, estas cativas e cativos vannos dar moito que aprender.
A tradición bergantiñana
Algunha das iniciativas que se desenvolverán neste noso horto urbano son pioneiras en Galicia, como o cultivo en palla
Bergantiños arrastra unha importante tradición agrícola que, nos últimos anos, se está a perder co abandono do campo e o envellecemento da poboación, das últimas xeracións que tiñan o campo como principal ou un dos principais sustentos económicos da familia. Tal era a importancia da produción de cereal na nosa comarca que, en tempos, foi considerada toda unha despensa en Galicia. As fabas, as patacas ou os produtos da horta seguen a protagonizar as nosas feiras.
Ensinándonos o composteiro
Para que esta tradición non se perda, para que as nenas e os nenos coñezan a economía tradicional agrícola á que viviron apegados os seus antergos, para que saiban que as leitugas non nacen nos frigos do super, para darlle alento de futuro ao campo e, sobre todo para que gocen no presente, Carballo está a facer unha aposta ilusionada polo seu horto infantil municipal.
E de que os nenos e as nenas gozan fozando entre a terra non cabe dúbida. Confírmannolo a algarabía, os risos e as voces, tod@s a falar á vez ao redor da monitora, que nos reciben cando chegamos ao horto. Están no invernadoiro e rin cunha botella de tapón furado para servir de regadeira. "Mira, ten ollos", di un pequecho. Esta gran tropa de pequenas cultivadoras e cultivadores amósannos o horto, a palla na que cultivarán, os composteiros…, e abandónannos para seguir coas súas aulas, cunha duración dunha hora e media polas mañás: o cole da herba, para primaria, os martes e os venres, de 10.30 a 12.00 e de 12.00 a 13.30h e, no mesmo horario e distribución de grupos, "A nosa horta", actividade pensada para infantil que ten lugar os luns e os xoves, "Introducción á horta sinéricas", os mércores para primaria, e xardín ornamental, os mércores para infantil.
E para o curso, unha cooperativa
Cómpre cargar a mochila de coñecementos e habilidades porque, pasado o verán, o horto infantil municipal dará, co novo curso, un importante salto cualitativo: en colaboración cos coles, crearase unha cooperativa que levarán os propios nenos e nenas, cos propios produtos que cultiven e que mesmo venderán nas pequefeiras que organicen.
Hai unha ilusión parella á da semente que agroma: ver as mans d@ cativ@ que a acariña para que medre san.