"Cotízome cando vou a algún sitio no que haxa que bailar, porque hai déficit de homes bailadores"
Paco Lodeiro, presentador e voz en "Cantando a Galicia"
-Como te embarcaches neste proxecto?
-Hai aproximadamente dous anos organizamos coa banda municipal da Coruña o bicentenario do cemiterio de San Amaro e alí coincidimos Rosa Cedrón, Sito Sedes e mais eu. De aí xurdíu a idea de facer algo con boas voces, con músicas en directo, con cancións de sempre. Cando me propuxeron, dende Maré Producións, este proxecto, pareceume algo ben bonito.
-E botástelo a andar o ano pasado?
-Si, aínda que un pouco tarde. Aínda así, actuamos en verbenas como as das festas de María Pita ou as do San Froilán e, na zona da Costa da Morte, estivemos en Cee. E este ano imos estar a tope.
-Que vos fai diferentes con respecto a outras orquestras?
-Hoxe en día, as verbenas son máis visuais ca sonoras, hai unha evolución cara ao espectáculo, cara a grandes escenarios, máis técnica. Nós somos orixinais facendo o de sempre. Somos novidade porque a nosa é unha actuación baseada na música en directo, con oito músicos que tocan marabillosamente, e porque o noso é un repertorio tamén diferente, baseado en merengues, en cancións melódicas…, cunha escolma das cancións máis representativas de todo o país.
-Curioso, o de sempre é o que vos fai ser algo novo…
-Sito Sedes, que foi cantante de Os Satélites e foi sen dúbida o cantante de máis éxito no seu momento, ao mellor nas orquestras de hoxe non pegaba porque o seu non era dar saltos. A orquestra Os Satélites, no seu momento, non tiña sequera camión. Nós ofrecemos o que agora non é. Non temos máquinas de fume, nin plataformas para actuar sobre delas. É un espectáculo de música para conectar coa xente.
"Somos orixinais facendo o de sempre. Somos novidade porque a nosa é unha actuación baseada na música en directo, con oito músicos que tocan marabillosamente, e porque o noso é un repertorio tamén diferente"
-Que imos poder atopar no voso repertorio?
-Podemos asegurar que a xente vai coñecer todas as cancións, ou todas menos unha (ri). Incluímos cancións como "O tren", de Andrés Dobarro, que foi no seu momento unha canción en galego número un nas listas de éxito a nivel estatal e forma parte da nosa memoria sonora. Estando Sito Sedes, haberá ritmos máis asociados á verbena tradicional, como "A Santiago voy", ou o Merengue de Santalla. Son ritmos que levan a mover á perna para o lado, como as cumbias. Logo temos o privilexio de ter a voz de Rosa Cedrón, con cancións como "Aí vén o maio", "Camariñas", ou "Lela", que semellan feitas para ela. E logo tamén, estarán cancións como "A outra nai", ou "Xirarei". Son cancións que son nosas e propias das festas. Non estarán todas as que son, pero todas as que son estarán.
-Prometedes facernos bailar, logo?
-O concepto de verbena implica que hai que levar os zapatos cun pouco de terra para a casa. Hai que ir disposto a escoitar e a bailar. Eu cotízome cando vou a algún sitio no que haxa que bailar, porque hai déficit de homes bailadores. E a min tamén me gusta que a xente baile.
-E ti vas ser o condutor do espectáculo, nonsi? Caerá algunha referencia ás terras bergantiñanas, supoñemos… Coñécelas?
-Como parece que había unanimidade en que eu era o máis falangueiro, ademais de cantar, tócame facer de condutor e ir dando paso ás distintas cancións. Como eu fun xogador de fútbol ruinceiro, non coñezo os campos da primeira división ou da Liga Europea, pero si levei patadas en todos os campos de fútbol rexional galego e, a raíz diso, tamén aprendín a controlar onde se come ben en cada sitio (risos).