Un San Xoán con máis música ca nunca
Dende Efecto Pasillo até o bravú de Os Tres Trebóns, pasando por Wau y los Arrghs e o festival Rockin´, as bandas locais, as orquestras e mesmo a música de habaneras, haberá oferta para todos os gustos e oídos.
Música variada e para todos os gustos será o prato forte desta edición do San Xoán, as nosas festas grandes. Os coñecidos Efecto Pasillo, bravú de Os Tres Trebóns, Wau y los Arrrghs como cabeza de cartel do festival Rockin´, verbena en clave galega con "Cantando a Galicia", orquestras como Os Satélites, orixinais sesións vermús a cargo de bandas locais que deixarán os garitos nocturnos por rúas como a Valle Inclán… Todo iso e moito máis, nesta edición do San Xoán. Ademais, exposición colectiva de artistas locais, torneos deportivos e as nosas citas máis senlleiras: o festival de cachelas do día 23, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque.
Concerto estrela: Efecto pasillo. Todos os anos, pola primavera, espállase pola vila a mesma pregunta. E este ano a quen traerán no San Xoán? A interrogante vai referida a ese grupo ou artista, amplamente coñecido e recoñecido, que a programación do San Xoán inclúe como un dos seus maiores reclamos. Era moita a xente que pensaba que os tiros irían por Eurovisión, como nas últimas edicións, pero non. Desta vez, temos con nós o pop-rock-funk da banda canaria "Efecto Pasillo".
Verbenas: Que serían unhas festas sen as súas verbenas? Nesta ocasión teremos ás orquestras Los Satélites, Israel, Trébol, Los Trobadores, Players, Nebraska e Madeira. Ademais, contaremos unha proposta diferente, "Cantando a Galicia", con Rosa Cedrón, Sito Sedes e Paco Lodeiro, unha homenaxe aos temas míticos das verbenas de toda vida. "O mellor tesouro de Galiza, o corazón cheo de cantigas, sae ao camiño", di deles Manolo Rivas.
Orixinais sesións vermú: Pois si, un toque diferente terán as nosas sesións vermú deste ano, porque nun renovado e céntrico espazo urbano da vila como a rúa Valle Inclán, semipeonil dende principios deste 2014, actuarán bandas locais que cambiarán os garitos nocturnos polo ambiente verbeneiro do mediodía.
Alí poderemos escoitar nesta edición aos veteranos Killer Cats, coa súa música rockabilly, e a unha das nosas formacións máis nova, The Gentlemen, coas súas versións de pop-rock inglés.
Exposición colectiva: As e os nosos artistas locais non paran. Como todos os anos, inaugurarán para este San Xoán mostra colectiva, que nesta ocasión ten como tema central "arte e natureza". Culminan así un ano cheo de actividade e novidades para as e os nosos creadores, coa participación no proxecto de arte urbana "Derrubando muros con pintura" ou a mostra colectiva coa que, nestes meses de maio e xuño, levaron as súas obras aos bares e pubs carballeses. Exemplos dunha gran capacidade para o traballo conxunto que ven de callar na asociación "Crea formas", na que están organizados.
Rockin: Un dos gorentosos petiscos que nos ten preparado o San Xoán, as nosas festas grandes, será O Rockin´2014. O máis temperán dos festivais da Costa da Morte, terá como cabeza de cartel a Wau y los Arrrghs e completarase co dúo Idealipsticks, o trío madrileño The Government, os carballeses Apart e o Dj Ayrton Senna.
Será este o primeiro dos festivais carballeses do verán, unha estación semeada de concertos na vila bergantiñá, con citas tan coñecidas como o Festival Pop Up ou o Sereas e Piratas.
Festival de Cachelas: O festival de Cachelas que, na noite do 23, abre os días grandes das festas, pon en xogo ao redor de 1000 euros en premios.
Agardemos que sirvan para espantar as meigas, pois por esta zona, segundo di a lenda, esa noite teñen aquelarre co mesmo demo en persoa no Monte Neme, o noso cume máis mítico.
Descenso do Anllóns: Con embarcacións construídas artesanalmente e que sexan propulsadas de calquera modo que non sexa o mecánico a motor, as tripulacións participantes han de arranxarse para descender o tramo do río Anllóns que vai dende o inicio do Bosque do Añón (xunto á ponte de Bértoa) até o parque do Anllóns. Repartiranse ao redor de 1000 euros entre premios e subvencións ás 25 primeiras embarcacións inscritas que finalicen o percorrido.
Festa do Bosque. Con esta fermosa romaría á beira do Anllóns poñemos fin, como todos os anos, ao San Xoán. A ribeira énchese de centos de grupos e familias a xantar, merendar e gozar da festa e da paisaxe do río.
Actuarán, pola noite, Os Tres Trebóns. Haberá xogos populares, concurso de sobremesas e licores caseiros e, como non, o campionato internacional de baixada de augas doces de barcos de papel.
Deportes. Non podía faltar nunha vila de xente nova e bo músculo como a nosa, cun importe tecido social afanado no deporte de base. Celebrarase o campionato galego de natación alevín e, nas vésperas, o Torneo Internacional Alevín Fútbol 8, o Trofeo Concello de Carballo de Fútbol de Peñas, exhibicións de capoeira e taekwondo, carreira popular e torneo galego categoría benxamín
E haberá aínda moito máis: pregón a cargo do reputado oncólogo carballés, Alfonso Mariño Cotelo, mostra de habaneras, pasarrúas, fogos de artificio… O programa ao completo no documento que abaixo adxuntamos, así como as bases para o concurso de cachelas e o descendo do Anllóns.