Na busca do tesouro
Atopa o tesouro este venres, 20 de xuño, e conseguirás unha viaxe a Eurodisney. Has de seguir as pistas que quedaron agochadas en varias tendas da vila
A imaxinación está a ser un dos puntais da promoción do comercio carballés, un dos principais atractivos e motores económicos desta nosa vila de historia e tradición feiranta. A última iniciativa do programa Quedamos en Carballo, que bota man da cultura, da orixinalidade e das novas tecnoloxías para a promoción da nosa ampla rede de pequeno comercio en aberto, anímanos a partir á procura do tesouro.
O venres, 20 de xuño, de cinco a sete da tarde, levarase a cabo un peculiar concurso de suculenta recompensa: unha viaxe a Eurodisney. Poden participar parellas conformadas por unha persoa maior de idade e un cativo ou cativa de 6 a 11 anos. Deberán aplicar toda a súa pericia para ir descubrindo as pistas agochadas nos estabelecementos participantes.
O concurso, que nun principio ía ser celebrado o 14 de xuño, trasládase así a esta semana, e amplíase de igual modo até o día 18 de xuño o prazo de inscrición.
Como inscribirte
O premio será para quen chegue antes ao punto de encontro coa tarxeta cuberta cos selos e sinaturas dos estabelecementos participantes que acrediten ter superado todas as preguntas e probas de habilidade.
O premio será para quen chegue antes ao punto de encontro coa tarxeta cuberta cos selos e sinaturas dos estabelecementos participantes que acrediten ter superado todas as preguntas e probas de habilidade. Non é a primeira das iniciativas que, nesta primavera, bota man da orixinalidade para promover as nosas tendas.
Podes inscribirte das seguintes formas:
-Online, en www.quedamosencarballo.wordpress.com.
-No Museo de Bergantiños ou no Fórum de Carballo. Deberedes levar o cupón de inscrición que che adxuntamos. Lembra que o Museo está aberto de luns a sábado pola mañá de de 12.00 a 14.00, e pola tarde de 18.00 a 20.00h. O horario de atención ao público no Fórum é de 9,00h. a 14.00 h.
Quedamos en Carballo
O programa Quedamos en Carballo, da concellaría de Promoción Económica e Turismo, organizou en abril un concurso na rede social foursquare, o "Check in Carballo", que tivo como premio unha viaxe a Turquía, e impulsou así mesmo o "Contos de taberna", relatos escritos e ilustrados por creadoras e creadores ligados á vila e inspirados en estabelecementos hostaleiros carballeses, que foron presentados nos propios locais entre o Día do Libro e o das Letras Galegas.