Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Praias de bandeira

Compartir:

Praias de bandeira

A Pedra do Sal e As Saíñas, en Carballo, son dous dos cinco areais da Costa da Morte con bandeira azul este ano

Na Pedra do Sal

Na Pedra do Sal

As praias carballesas de As Saíñas, o areal que separa a lagoa de Baldaio do mar,  e A Pedra do Sal contarán este ano con bandeira azul. Terán o privilexio de figurar entre os cinco areais de toda a Costa da Morte que este ano recibiron o distintivo outorgado por ADEAC, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, unha ONG que premia anualmente a aquelas praias que cumpran cunha serie de baremos  relacionados coa a calidade das augas, dos areais e dos servizos de que dispoñen. A campaña Bandeira Azul desenvólvese en máis de 40 estados de cinco continentes, incluídos todos os que forman parte da Unión Europea.

Nas Saíñas

Nas Saíñas

Tanto As Saíñas como A Pedra do Sal aspiran tamén a conseguir a certificación da norma  ISO 14001 de xestión ambiental, ao igual que a praia de Razo, un dos máis coñecidos e concorridos areais carballeses, aberto ao Atlántico, idóneo para a práctica do surf, Rede Natura e dotado de todo tipo de servizos, recoñecido tamén en numerosas ocasións coa bandeira azul.  A certificación das praias coa norma ISO 14001 supón un compromiso coa mellora continua e a prevención da contaminación, así como co cumprimento da lexislación e da regulamentación ambiental vixente.

Praia de Razo

Praia de Razo

O verán achégase e os nosos areais afánanse por poñerse a punto. Son un dos principais atractivos turísticos carballeses, e teñen ademais alto valor ecolóxico. Están en Rede Natura, e contan cun amplo sistema dunar e cun dos espazos húmidos máis importantes de Galicia, a lagoa de Baldaio. Neles atoparás tanto o dinamismo e a vida do areal de Razo, como a tranquilidade da lagoa de Baldaio e dos areais das Saíñas e A Pedra do Sal.

O servizo de socorrismo estenderase este ano dende o mes de xuño até o inicio do curso lectivo en setembro. Serán en total 32 socorristas nos meses de xullo e agosto, e 20 en setembro e xuño. As praias do concello, contan, ademais, cun servizo específico de limpeza vixente ao longo de todo o verán até o mes de outubro, e tamén nos quince primeiros días de abril.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica