Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Sementar, sementarei

Compartir:

Sementar, sementarei

Cativos e cativas de infantil e primaria están aprendendo a coñecer, respectar e, sobre todo, divertirse co medio ambiente. Cinco obradoiros de balde están agora en curso nun proxecto pioneiro.

Actividade no horto ecolóxico no Día da Árbore. Foto: Senda Nova

Actividade no horto ecolóxico no Día da Árbore. Foto: Senda Nova

O horto ecolóxico carballés estase a encher de vida coa nosa xente miúda. Catro obradoiros dirixidos a alumnado de Primaria, e un para pequerrechiñ@s de dous a cinco anos, iniciaron a súa andaina, de balde, na segunda quincena de maio. Serán sobre  xardín ornamental, o cultivo no horto e a utilización da compostaxe, este último impartido pola asociación ecoloxista  Adega. Ademais, a asociación Senda Nova correrá a cargo da "Pequehorta", a actividade dirixida a alumnado de infantil, e do Obradoiro de Observación e Convivencia, para Primaria.

As e os nosos cativiños aprenderán a sentir emoción de ver o abrollar dunha semente, de tocar  a terra morna, de escoitar e vixotar a natureza, de cultivar o propio xardín ou o noso horto, de aprender a compostar e a reutilizar…, e aínda máis. O horto ecolóxico concíbese como un espazo para a cooperación, para a sostibilidade,  para a relación interxeracional e para integración, no que poidan participar nenos e nenas con necesidades específicas. De maneira transversal aprenderán sobre hábitos e alimentación saudable, e sobre cuestións como a importancia do mercado de proximidade ou da economía labrega tradicional.

E isto non remata aquí...

Nen@s nun dos cursos do horto ecolóxico

Nen@s nun dos cursos do horto ecolóxico

A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Promoción Económica, quere ir aínda máis aló. Para o vindeiro curso, @s cativiñ@s crearán unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebrarán dúas pequefeiras,  nas que os venderán. Aprenderán mesmo a xestionar o diñeiro, a controlar os gastos, a amortirzar os costes, a solicitar permisos e mesmo a reutilizar o diñeiro obtido para avanzar no proxecto. Os nenos e as nenas entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, sempre de maneira lúdica e divertida, e ao mesmo tempo sementando neles o espíritu  de iniciativa, de emprendemento, de cooperación e de xestión.

¿E de que vai cada obradoiro?

No horto ecolóxico o Día da Árbore. Foto: Senda Nova

No horto ecolóxico o Día da Árbore. Foto: Senda Nova

A nosa horta. Terá lugar os luns e os mércores de 18.30 a 20.00. A actividade concíbese como un recurso de educación ambiental, cooperación e aprendizaxe activa, coa horta coo excusa para o xogo, para o desenvolvemento de dinámicas de grupo, de actividades de psicomotricidade e de respecto polo medio ambiente.

Promoverase a organización autónoma do traballo, achegándolle ao alumnado a información precisa para realizar labores agrícolas, temas organizativos e de xestión, e observación do campo. E abordaranse, ademais, temas transversais como a alimentación e o consumo responsable.

Día da Árbore. Foto: Senda Nova

Día da Árbore. Foto: Senda Nova

Compostaxe. O obradoiro organizado por ADEGA será os martes e os xoves de 18.00 a 19.30 horas. Os cativos e as cativas que participen terán oportunidade de facer un composteiro natural e de practicar o cultivo vertical aproveitando material de refugallo a modo de maceteiros. O cultivo vertical está moi de moda en áreas urbanas para aproveitar mellor o espazo.

Xardín ornamental. Será os luns, e haberá dous grupos, en horario de 16.30 a 18.00h, e de 18.00h. a 19.30h. Con flores e plantas aromáticas, alumnado de Primaria cultivará un xardín ao lado da aula do horto ecolóxico, que no futuro será un espazo de lecer e de descanso. Xogarán con prantas e arbustos, aprenderán a combinalos, e mesmo construirán un sendeiro e outros eleentos ornamentais. Unha vez rematen de deseñar o seu xardín, se queren continuar coa actividade poderán facelo noutros espazos que o Concello ten previsto habilitar na vila.

Pequehorta: O obradoiro vai dirixido aos e ás máis cativas da casa. Participarán nenos e nenas de dous a cinco anos. En compaña do pai ou da nai, pasarán unha hora no horto ecolóxico  ao longo de catro venres de cinco a seis da tarde. Farán semilleiros, verán abrollar a semente, aprenderán a observar a natureza, e a coñecer e relacionarse cos animais e as especies que nela conviven. Serán, actividades, en definitiva, que potenciarán os seus sentidos en contacto coa natureza.

Obradoiro de observación e convivencia: Vai dirixido a alumnado de Primaria a partir de seis anos. Ao longo de tres venres, a partir das oito e media da tarde, e a cargo da asociación Senda Nova, os cativos e as cativas verán o anoitecer no horto. Aprenderán a escoitar a e observar a natureza e fomentaranse diversas actividades de convivencia para fortalecer o grupo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica