O Pequebasquet reunirá a máis de 400 nenos e nenas de toda Galicia
Este 17 de maio teremos con nós a todo un campión: Fernando Romay.
Chegarán de toda Galicia para pasar unha xornada de ocio, diversión e, sobre todo, moito baloncesto. Máis de 400 cativas e cativos de entre 5 e 8 anos participan este ano na segunda edición do Pequebasquet, que terá lugar no pavillón Carballo Calero de Carballo este vindeiro 17 de maio. O obxectivo, que se acheguen a este deporte dunha forma lúdica, afastada de normativas e dos estritos adestramentos, como xogo que é.
A cita naceu o ano pasado e non para de medrar. Este ano serán en total 110 partidos en formato 4x4, con sete canchas de minibasket. E, o que é máis importante, o Pequebasket carballés vai estar incluído dentro das actividades "Galicia 2014. Imos pola Copa", encadradas na celebración da Copa do Mundo FIBA 2014, e contará ademais, con todo un referente do baloncesto, Fernando Romay, ex xogador do Real Madrid e da selección española.
O Pequebasket foi seleccionado para formar parte das actividades de promoción da Copa do Mundo FIBA 2014
Carballo é unha vila de bo músculo como o deporte, o que se demostra nos seus bos resultados no deporte federado, e para iso, somos conscientes da importancia de crear canteira. As citas deportivas son un importante foco de atracción turística para a capital bergantiñá, que congrega na nosa vila a un público san e familiar.