Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Carballo móvese, e ti vas a onde hai vida, onde...

Compartir:

"Carballo móvese, e ti vas a onde hai vida, onde podes fuxir do provincialismo absurdo"

Aproveitamos o paso da actriz Isabel Risco polo Carballo Interplay para entrevistala.

Isabel Risco, no Carballo Interplay

Isabel Risco, no Carballo Interplay

Isabel Risco é pura enerxía, valente, positiva e sen pelos na lingua. Hai un par de semanas chegou a ser trending topic en internet polo seu incendiario discurso nos premios Mestre Mateo, denunciando en directo a destrución dos sectores produtivos galegos, entre eles o audiovisual. Carballo é para ela un referente, unha vila con vida onde se pode respirar e fuxir da asfixia que afoga os sectores culturais.

-Estiveras noutras ocasións en Carballo?

-Estiven moitísimas veces en Carballo. Como non vou vir a Carballo? Para min, que vivo na Coruña, Carballo é un referente, porque en Carballo hai moitísima máis actividade mental e de todo tipo que na Coruña. Moita máis. Nótase que aquí hai vida. Está o FIOT, que é xa un festival internacionalmente coñecido, e agora mesmo temos este festival de series web. Carballo móvese, Carballo vive, e ti vas a onde hai vida, onde hai movemento, e foxes do provincialismo absurdo, estático e paleolítico. Carballo, para a xente da Coruña que queremos respirar, é un referente.

-Como te animaches a vir ao Carballo Interplay?

-Creo que este tipo de iniciativas hai que apoialas, e máis agora, que todos os sectores produtivos e estratéxicos deste país están sendo atacados. Hai xente que non se resigna a iso e defende un sector como o do audiovisual dando novas saídas como a web, e iso hai que apoialo. E ademais, é un posible futuro, aínda que o audiovisual en si en todos os seus formatos debera ter un futuro prometedor e ser un sector estratéxico. O concello de Carballo si que aposta por estas iniciativas e si que cre que o sector audiovisual é estratéxico e trae riqueza. Viñen porque creo que é a miña obriga vir, como mínimo.

"Hai xente que non se resigna a iso e defende un sector como o do audiovisual dando novas saídas como a web, e iso hai que apoialo."

-Que cres que nos pode ofrecer internet? Liberdade creativa, tal vez?

-Pode ser. Internet ofrece moitas posibilidades para o audiovisual. De feito, a día de hoxe moita xente ve a televisión tradicional pola rede, mediante a televisión á carta. Eu creo que a rede é unha nova canle de difusión e experimentación para o audiovisual e penso que está moi ben. Mais entendo que non ten por que ser substituta, senón ser complemento das televisións tradicionais. É fundamental que haxa unha tele pública, por exemplo, porque fai un servizo. Mais, con todo, non significa que a web e a tele non sexan un complemento totalmente necesario a día de hoxe.

-A rede permite contar historias que non se contan na televisión, comentouse na mesa dedicada ás novas narrativas no Carballo Interplay. Alí falaron do caso de "Dos más dos cinco", unha webserie que fala dunha parella de rapazas lesbianas. Que historias botas de menos na televisión convencional?

-Pois claro, a rede dá moitísimas posibilidades e abre un mar de navegación incrible, porque hai completa e absoluta liberdade. Na rede  podes colgar todo o que se che pase pola cabeza e iso é do máis positivo e construtivo. Efectivamente, nas teles convencionais ás veces falta diso. Debera existir tamén. De feito, non sei por que non vai existir nunha tele convencional, nunha plataforma dixital, unha serie que teña como protagonistas unha parella de lesbianas. A día de hoxe, por aí adiante si que hai produtoras ou canles de televisión que teñen asumido iso como algo normal. Canles estadounidenses ou mesmo británicas teñen superado iso no ámbito televisivo, iso de que non se pode falar ou que non é axeitado para o formato televisivo o que a día de hoxe se está a facer na web. Xa que a web evolucionou e madurou (malia a que ten menos tempo, madurou máis rápido) tamén a televisión convencional debera tratar temas de todo tipo, porque é a realidade, que pode ser tan realista como surrealista.

Isabel Risco apoiano ao CIP nos Mestre Mateo

Isabel Risco apoiano ao CIP nos Mestre Mateo

-Como valoras o papel da administración pública galega neste momento con respecto ao audiovisual?  

-Creo que a administración pública galega, en concreto, o goberno galego, non está apoiando como debera o audiovisual, porque o audiovisual para min, e creo que para moita xente, é un sector estratéxico como todos os sectores: primarios, secundarios e terciarios. E máis nunha situación de crise económica, que máis que unha crise probablemente sexa algo que está creado e xerado para revitalizar o sistema capitalista. Aínda así sectores estratéxicos como o audiovisual son necesarios para xerar emprego e riqueza, e ademais porque son creativos. O sector audiovisual é creativo e move cousas, e creo que non se está facendo o que se debera facer. Hai series que comezan, que logo deixan de emitir, hai programas que comezan que se deixan de emitir, hai programas que teñen unha tempada nada máis e non hai continuidade. Houbo un momento no que o audiovisual galego se converteu nun sector referencial noutros lugares fóra do país, pero agora parece que está caendo. Series como "Matalobos", que levou o premio á mellor serie europea, é un exemplo de que hai que pular polo sector audiovisual e non se está facendo.

-Carlos Blanco comentaba hai un tempo que ao mellor nun futuro próximo as mellores historias galegas as contará un galego ou unha galega emigrada, como pasou con Scorsese en Nova Iork…

-Como sigamos así, doulle toda a razón a Carlos Blanco. Deixan marchar e perder valor. É xente que ten que marchar, que temos que marchar. Non tes a posibilidade de vivir do teu no teu país, cando temos un país rico en produtividade, imaxinación e creatividade, que é rico en moitas cousas como pode ser calquera outro país. É un dereito fundamental vivir do teu no teu país. Ese dereito fundamental non o temos a día de hoxe. Será un orgullo pensar que un galego ou unha galega conte historias sobre nós en Nova Iork? Será un orgullo, mais, por que non as podería contar tamén aquí? É necesario.

-De onde sacas ti a enerxía para recoller un premio na gala dos Mestre Mateo e, en directo, facer ese discurso de denuncia tan valente?

-Saco enerxía desta terra, que ma dá. Queres esta terra, queres o mellor para todas e todos nós como tamén o quererías para os demais, para os de fóra, mais primeiro tes que estar ben ti, para poder querer o mellor para os demais. Aí está a enerxía, en querer que isto estea mellor, porque temos posibilidades e moitísimo potencial. Ese potencial ferve, e a min ese potencial éntrame polos pes e sáeme pola cabeza, e é imparable. O combustible é a nosa terra. Non fixen máis que dicir o que teño ao meu redor. E foi de xeito espontáneo, non contaba con algo así. Seguramente que, coma min, moita xente pensará que non é un premio xusto, mais eu, como non contaba, saín aí e botei para fóra o que teño dentro que non é nada máis e nada menos que a realidade que vivimos.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica