Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Gravando con Manuel Facal

Compartir:

Gravando con Manuel Facal

Unha exposición colectiva amosa os resultados dos tres obradoiros de gravado que impartiu na vila o recoñecido artista carballés.

Entre os meses de novembro e febreiro, o carballés Manuel Facal impartiu tres obradoiros de gravado no Fórum. O creador, de sona internacional e coñecido pola súa faceta como gravador, compartiu así a súa experiencia e os seus coñecementos con outras e outros artistas da zona. Os resultados exporanse até 11 de maio no andar -1 do Pazo da Cultura, nunha sala á beira do auditorio.

Foron en total 22 as persoas que participaron nos obradoiros e que teñen agora a súa obra exposta nas paredes do Pazo da Cultura. Arte en abstracto, plasmado na técnica de gravado que Facal lles ensinou: augaforte con plancha de cinc e tratado con ácido nítrico. O propio Facal amosouse sorprendido cos resultados acadados polo alumnado en tan só un mes, que foi o que durou cada un dos tres obradoiros. "A idea é darlle continuidade", afirmou na inauguración da exposición, o 10 de abril. Mais esa continuidade sería xa sen el, para darlle paso a outras e outros artistas que traian a Carballo outras técnicas de gravado.

Profetas na súa terra

Artistas participantes na mostra con Manuel Facal no centro, de negro

Artistas participantes na mostra con Manuel Facal no centro, de negro

O tórculo e os materiais empregados para a Aula de Gravado seguirán a disposición das e dos creadores que así o desexen. Contan cun espazo para traballar no Fórum, aínda que se está a barallar o seu traslado proximamente a outro emprazamento. Mon Lendoiro, un dos artistas participantes, destaca a implicación do concello, por ter organizado "un obradoiro deste tipo  e deixarnos seguir a usar o espazo".

Un dos obxectivos da mostra é, precisamente, dar a coñecer a arte das e dos nosos creadores máis próximos, ao igual que se pretende co proxecto "Derrubando muros con pintura", no que unha equipa de artistas locais está a converter en murais varias paredes da vila, baixo a coordinación da manchega Paula Fraile e a italiana Roberta Venanzi.

O legado de Manuel Facal

Cristina Castro é unha desas artistas implicada en ambos os dous proxectos. "Xa sabía algo de gravado, e aquí puiden aprender outra técnica", dinos. Para Milagros Cotelo Rama, esta era a primeira vez que se enfrontaba á técnica e, de algún modo, supuxo para ela un reto, pois convive con trabas físicas que lle restan mobilidade: "Gustoume moito. Resultoume difícil pero puiden coa axuda dos compañeiros. Artisticamente resultoume moi interesante", coméntanos.

Non é a primeira colaboración que, de maneira desinteresada, Manuel Facal fai co noso concello. Boa parte da nosa arte urbana máis recente está marcada pola súa pegada. Súas son tamén as esculturas O Peixe, na rotonda de Rego da Balsa, e O Escalo, na entrada ao polígono industrial que, situadas en zonas estratéxicas para o crecemento e o desenvolvemento da vila, simbolizan o Carballo de futuro.


A arte de22 artistas locais

Placas de cinc, base dos gravados

Placas de cinc, base dos gravados

Participaron nos obradoiros e na mostra Alejandro Vázquez, Andrés Rey Mancebo, Antón Díaz Sánchez, Antono Taracido García, Cristina Castro Santiago, Emi Rodríguez de las Heras, Eva Facal, Isa Fernández, José Manuel Rama Edreira, Luiz González, Manuel Eirín, Milagros Cotelo Rama, Mon Lendoiro, O´Miguelo, Pedro Tasende, Raúl González herrera, Rosa Rial Lema, Santi Picos Díaz, Santiago Castro Taibo e Viki Rivadulla. 

A mostra pode visitarse en horario de cinco a nove da tarde, de balde, de luns a domingo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica