Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

A actriz Marta Etura estará con nós no ciclo Primavera en Danza. Ademais, música, arte e eclosión de rutas sendeiristas e ciclistas.

VENRES

O artista Mon Lendoiro

O artista Mon Lendoiro

Inauguración da galería de arte Garabato (20.30h). O artista Mon Lendoiro inicia este venres unha nova andaina, coa inauguración de Garabato, ao que considera o seu "obradoiro de belas artes", situado nas galerías que unen as rúas Fomento e Igrexa. A inauguración contará coa presenza da poeta Rosalía Fernández Rial, do escritor Paco Souto e da artista plástica Chiña.

Danza. Momento Blooming (Pazo da Cultura, 21.00 h.) O venres comeza o Primavera en Danza, que este ano chega á súa décimo segunda edición como unha das poucas programacións estables de danza existentes en Galicia. Encargaranse de inaugurala Rut Balbís e Cristina Montero, dúas destacadas creadoras e intérpretes da danza contemporánea galega, que nos presentarán a súa  obra Momento Blooming, na que conxugan  realidade e ficción, inxenuidade e ensoñación. A entrada custa 3 euros (2 euros,  para público que poida beneficiarse de entrada reducida).

SÁBADO

Concerto dos Frikipaldis (Pub Goldie, 00.30 h).  Esta banda coruñesa, que rende tributo a Fito y los Fitipaldis dende o 2009, será a encargada de ambientar a noite do sábado no pub Goldie. O concerto, de balde, traeranos as cancións de Fito Cabrales e desa banda, os Fitipaldis, coa que leva arrasando dende hai uns quince anos no panorama musical estatal con éxitos de vendas como  o seu disco "Por la boca vive el pez".

Presentación na Libraría Brañas Verdes. 20.00 h.  O sábado preséntase en Carballo o libro De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam, no que Xabier Maceiras e Fernando Patricio narran o naufraxio desta embarcación que tivo lugar nas costas de Bergantiños a finais do século XIX, hai 125 anos.

Danza. Return (Pazo da Cultura, 20.30h.) A coñecida actriz Marta Etura amosaranos a súa faceta como bailarina no espectáculo da compañía madrileña Pentación, no que estará acompañada por todo un Premio Nacional de Danza, Chevi Muraday. A obra, que abonda nos sentimentos,  emocións e frustracións que rodean ás relacións de parella,  combina teatro e danza, ao compás dos textos do director Pablo Messiez. A entrada ordinaria é a 5 euros (a reducida, a 3,5 euros).

Ruta sendeirista por Camariñas (10.00 h.) É a primeira das andainas "Coñece a Costa da Morte" deste ano. O punto de partida é a Praza do Concello de Camariñas, ás dez da mañá, dende onde se partirá cara á costa. Será unha ruta circular de 13 quilómetros, de ao redor de tres horas (está previsto que remate ás 13.30 h.) O prazo de inscrición rematou  o xoves mais, se te animas a desprazarte no teu propio vehículo até Camariñas, aínda podes ir. Iso si, unha vez alí deberás porte en contacto con alguén da organización.

Ruta ciclista por Sísamo, Goiáns e Cances (Praza do Concello, 16.00 h.). Será a última das rutas ciclistas organizadas esta primavera para coñecer o concello polo Club Ciclista Carballo Placasa. Partirase da Praza do Concello ás catro da tarde. A actividade é de balde e non é preciso inscribirse. O itinerario, circular, irá en boa medida por pistas forestais e, en gran parte, seguirá un trazado paralelo ao río, ao noso Anllóns.

DOMINGO

Ruta das Mámoas por Cabana. A asociación ambiental Senda Nova comeza esta fin de semana o seu "Primavera en ruta", e faino cun itinerario que destaca non só pola beleza das paisaxes senón tamén polo valor arqueolóxico, etnográfico, histórico e artístico do patrimonio que atoparás no camiño: 14 mámoas, un petróglifo, dous castros, a fortaleza da Torre da Penela, o pazo de Casanova e as igrexas de Nantón e Riobó. O venres é o último día para poder  inscribirte. Tes aquí a información de como facelo. O prezo, para maiores de idade, son 6 euros, e 3 para menores.

Domingo. Marcha cicloturista por Bergantiños.  Tamén organizada polo Club Ciclista Carballo Placasa, esta marcha de 77 quilómetros permitiranos coñecer boa parte do litoral da comarca de Bergantiños. Partirá do Fórum de Carballo ás dez da mañá, para coller rumbo a Ponteceso, e proseguir por Malpica, Buño e a costa carballesa, dende Razo até A Pedra do Sal. O prazo de inscrición rematou o xoves.

SÁBADO E DOMINGO

Exposición de foto Premios Xosé Manuel Eirís. Pazo da Cultura. Esta semana coñecemos aos gañadores do  Premios Xosé Manuel Eirís e o xoves foi inaugurada unha mostra coas obras gañadoras e  unha escolma das presentadas a esta edición. Poderás velas de balde no terceiro andar do Pazo da Cultura, todos os días da semana, incluídos sábado e domingo, en horario de cinco a nove da tarde. A mostra estará aberta até o 4 de maio.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica