Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A finde sobre rodas

Compartir:

A finde sobre rodas

O Club Ciclista Carballo organiza unha ruta polo concello o sábado e outra, pola comarca, o domingo.

Se queres que a túa finde vaia sobre rodas, só tes que apuntarte ás rutas polo Concello que o Club Ciclista Carballo Placasa organiza para este sábado e domingo.  A do sábado, que discorrerá por Sísamo, Goiáns e Cances,  será a última do programa "Coñece o teu Concello" que, ao longo do mes de marzo, nos permitiu coñecer o noso municipio dunha beira á outra a través de diferentes itinerarios gratuítos de ao redor de 20 quilómetros. A do domingo explorará a comarca de Bergantiños, dende Ponteceso até Malpica e dende Malpica ao litoral carballés. A actividade é gratuíta e non fai falta inscribirse.

Sábado, 5 de abril (Coñece o teu Concello, 20 km.)

"Collerase rumbo a Sísamo, non á beira do Anllóns pero si seguindo un trazado semellante ao do río, que en ocasións mesmo se poderá escoitar"

O punto de partida será na Praza do Concello ás catro da tarde. Aconséllase bici de montaña, aínda que o itinerario tamén se pode facer con bici de paseo. Transcorrerá en boa medida por pistas forestais e camiños  preto do río. Sairase de Carballo á beira do río Anllóns, por detrás do Pazo da Cultura, até chegar ao muíño do Quinto. Collerase rumbo a Sísamo, non á beira do Anllóns pero si seguindo un trazado semellante ao do río, que en ocasións mesmo se poderá escoitar. Incluso, en determinados puntos do itinerario, haberá que atravesar algún regato. O itinerario proseguirá por Bas, Goiáns e Cances até chegar de novo a Carballo.

Domingo, 6 de abril: Marcha Cicloturista a Bergantiños (ao redor de 77,6 km.)

O itinerario comeza ás dez da mañá, no Fórum de Carballo, dende onde se poñerá rumbo a Ponteceso. De Ponteceso subirase ao monte do Faro, en Brantuas, xunto á capela da virxe do Faro. O seguinte será baixar a Malpica e, de alí, seguir até Buño e despois até Razo, e completar o percorrido polo litoral carballés pasando por Lema, Rebordelos, Noicela e A Pedra do Sal, onde se iniciará o camiño de volta cara a Carballo por Noicela, Vilela e Bértoa. 

Para participar nesta marcha, as persoas non federadas han de apuntarse, este xoves máis tardar, e pagar 18 euros. As federadas, pagarán 6 euros e poderán apuntarse no propio día da ruta, mais cunha penalización de 4 euros (10 en total). Os ingresos deberán facerse na Conta de la Caixa : 0133 6235 59 4200000618.

Podes inscribirte na páxina web do Club Ciclista Carballo Placasa ou enviando os teus datos persoais (nome e apelidos, DNI, lugar de residencia, data de nacemento, teléfono, correo de contacto e data de ingreso do pagamento).


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica