Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Esta finde, estrea de teatro, humor, obradoiro de webseries, sendeirismo, descontos especiais e feirón.

Venres, 28 e Sábado 29. 21.00 horas.  Teatro con Lisístrata. A Aula de Teatro de Carballo estrea Lisístrata. O director da Aula, Artur Trillo, encargouse da adaptación para os escenarios bergantiñáns deste orixinal de Aristófanes, escrito e contextualizado na Grecia Clásica. As mulleres, fartas de que os seus homes anden ás leas na Guerra do Peloponeso, deciden tomar o poder e alcanzar a paz. E fano mediante unha orixinal estratexia: a folga sexual. De balde, con reserva previa (até o venres pola mañá, no Pazo).

Sábado, 29 e domingo 30. Charla informativa e visita ás Fragas do Eume. A asociación ambiental Senda Nova dedícalle esta finde a coñecer este que é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. O sábado, ás 10.30, charla informativa con Carlos Vales, director do CEIDA (o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), que nos falará, no Fórum, sobre as fragas, e o domingo, roteiro sendeirista para coñecer este parque natural sobre o propio terreo. As inscricións no roteiro han de facerse no Horto Ecolóxico (rúa Nardos), o venres pola tarde máis tardar, de cinco a oito da tarde.

Sábado 29 pola mañá, no Fórum. Obradoiro de webseries. O obradoiro de webseries chega ao seu punto final. Ao longo dos sábados do mes de marzo, o alumnado do obradoiro, dirixido polo director Javi Camino, ideou, guionizou e gravou unha webserie de cinco capítulos que foi pensada a modo de falso documental de ciencia ficción e temática extraterreste. Agora, nesta última sesión, toca fase de montaxe.

Sábado 29. Monólogo de Igor Vizoso no Goldie. 00.30. O pub Goldie segue a darlle pulo ás noites do sábado en Carballo coa súa programación de monólogos e concertos. Desta vez é a quenda do monologuista vasco Igor Vizoso quen afirma que, nos mundos de hoxe, a xente está desexando rir. Se é o teu caso, o sábado, ás doce e media da noite, presentaranos o seu monólogo "Reflexións dun home calvo".

Domingo 20. Teatro infantil con "O príncipe e o parrulo" Pazo da Cultura. 18.00 horas. Esta obra de teatro traeranos a Carballo á actriz Lucía Regueiro, coñecida na súa faceta televisiva polo seu papel como María en Libro de Familia, ou como actual presentadora do Luar. Xunto con Rocío González daralle vida a esta obra pensada para cativas e cativos a partir de tres anos. A entrada, a 3 euros (2, con prezo reducido)

Domingo de Feirón (pola mañá): O domingo é quinto domingo do mes e, como tal, toca feirón. Na Praza do Concello, poderás conseguir produtos de tempada das e dos labregos da zona, ou mercar dos mellores peixes e carnes de Bergantiños e da Costa da Morte no mercado de abastos. No barrio da Milagrosa, a pouco máis de cinco minutos do centro, encontrarás roupa, calzado e moito máis nun dos máis amplos mercadiños da contorna.

Sábado e domingo. "Compra e tapea (horario comercial)" Aproveita, que estes dous son os últimos días do "Compra e tapea", no barrio da Milagrosa. Se compras nos comercios do barrio da Milagrosa por un mínimo de 20 €, terás tapa gratis. E, se gastas nos locais hostaleiros da zona esa cantidade, conseguirás un bono de desconto do 10% en compras.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica