Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Calzados Susa: A zapatillaría onde houbo petróleo

Compartir:

Calzados Susa: A zapatillaría onde houbo petróleo

Esta tenda da rúa do Sol ten xa máis de medio século. Durante moitos anos, foi unha desas tabernas nas que se podía encontrar de todo, mesmo petróleo.

Hai máis de medio século que Susa Lema chegou de Muxía co seu home para coller o traspaso dunha tenda na rúa do Sol. Por aquel entón, non era "Calzados Susa" senón a  "taberna nova", como a coñecía a veciñanza, onde podías tanto tomar un viño como comprar unha folla de bacallau, mercar unhas larpeiradas ou mesmo conseguir unha aspirina, ir xantar ou levar uns metros de corda para soltar os animais, e incluso conseguir petróleo, si, petróleo, para alimentar os candís naquelas casas da aldea nas que, a finais daqueles anos cincuenta, aínda non chegara a electricidade. Eran mundos tan pobres que a xente mesmo lle pedía a Susa os sacos de tea branca do azucre a granel para darlle nova vida como sabas. Esta muxiá aínda lembra ondear nos tendais as sabas feitas con catro sacos de azucre da súa tenda. Non sabemos se, así, os soños eran tamén máis doces. O que queda claro é que a necesidade, dende logo, incentiva o enxeño.

O misterio da balanza

Nunha esquina do mostrador aínda se conserva, gardada con cariño, unha vella balanza. Que fai nunha zapataría?, pregúntase quen non coñece a historia do comercio. Susa non se quixo desfacer dela, quizais, porque durante moitos anos, foi ferramenta imprescindible no negocio. Agora que o problema é como reciclar as montañas de lixo conformadas por estratos de envases e plásticos, custa imaxinarnos aqueles anos nos que todo se compraba a granel. O arroz e o azucre chegaban á tenda en grandes sacos, mesmo nun primeiro momento, de cen quilos, que logo se lle vendía á clientela segundo os cartos que tivera no peto: por quilo, libras, medias libras… O aceite (de soxa ou de xirasol, de oliva apenas había) viña en bidóns. Coñac, anís ou xerez, en garrafóns. A augardente e o viño, en barrís.

A emigración: un soño frustrado

Susa é unha muller de ideas firmes. De solteira tiña claro que non quería ir para debaixo de ningunha sogra. O seu desexo era emigrar a ultramar. O seu mozo estivera emigrado en Venezuela e para aló quería volver con el unha vez casaran. Mais non foi posible. Un golpe de estado depuxo ao entón presidente venezolano, Pérez Jiménez, a principios de 1958. Pensaron entón en emigrar a Bos Aires, pero tampouco desta vez puideron cumprir co soño migratorio, pola convulsa situación política do país, que tan só tres anos antes sufrira un golpe de estado que derrocara a Juan Domingo Perón. Foi entón cando a parella, que acababa de casar, decide botar raíces desta beira do Atlántico.  Collen o traspaso dunha taberna da rúa do Sol, preto xa do centro, e cambian Muxía por Carballo, a aldea pola vila, o campo pola tenda, as ás que soñaban para voar lonxe polas raíces na capital bergantiñá.

Da taberna ás zapatillas

Aquela era unha sociedade de autoconsumo. As familias intentaban abastecerse con aquilo que cultivaban e, como moito, acudían á vila a mercar nos días de feira. As tendas eran, en moitos casos, tabernas, onde se podía atopar de todo. Mais as cousas cambiaron cando chegaron os mundos da abundancia e a sociedade virou do autoconsumo ao consumo. As tabernas foron pouco a pouco desaparecendo, incapaces de aguantar a competencia dos supermercados. O negocio de Susa tivo que reinventarse, e especializouse no calzado, sobre todo, en calzado de traballo, no do día a día, e nas zapatillas.

Susa non só ten boa memoria, senón tamén capacidade para explicar, a través das súas vivencias persoais, a intrahistoria, a Historia contada a través de calquera detalle do día a día, mesmo dunhas zapatillas. Aínda se lembra das zapatillas que a xente nova usaba cando ela era nena. A tea estaba unida á goma con puntas, que abrasaban os pés, dinos. A xente maior (as mulleres, porque para os homes era unha vergonza utilizar este tipo de calzado) utilizaba zapatillas de pano de cor escura con dúas ondiñas na parte dianteira. Ás mozas, tan pronto casaban, xa lles obrigaban a cambiar de zapatillas e enloitar así os pés. Explícanos Susa que os primeiros modelos diferentes de zapatillas que houbo en Carballo, as primeiras zapatillas de "fantasía", tal e como ela lles chama, chegaron á súa tenda, que agora podemos atopar nos seus andeis de todas as cores e estilos.

As cordas e as viúvas de vivos

Diríase que, lembrando calquera das moitas cousas que vendía na tenda, Susa nos podería contar un retallo de historia. As cordas remítena aos tempos da emigración a Suíza e das viúvas de vivos. No seu comercio vendíanse moitas cordas: de esparto, de cáñamo e de plástico. E é que o home de Susa, e Susa tamén, sabía como empatalas, facerlles os nós, e deixalas preparadiñas para o uso desexado: dende prender tenreiros até para facerlle a solta ás vacas, os lazos ás ovellas, ou atar os bois polos cornos. Cando os homes, que se encargaban habitualmente nas casas desta tarefa, marcharon masivamente á emigración a Europa, na tenda de Susa detectaron a necesidade e pasaron a preparalas xa na tenda, de aí que venderan tantos e tantos quilos de corda: "Viña máis corda para a miña casa que para todo Carballo", afirma. No seu letreiro, a tenda aínda aparece descrita como zapatillaría e cordelaría.

Como facer encaixe de bolillos

Aqueles mundos, insiste Susa, eran moi diferentes: peores nalgunhas cousas, mellores noutras. Ela aínda lembra a rúa do Sol empedrada e aos nenos e as nenas xogando no medio da rúa, porque en toda a vila, os coches particulares que había podíanse contar cos dedos dunha man. O seu negocio, situado nunha desas casas de toda a vida de Carballo, da época na que aínda non existían edificios de varios andares e alongadas sombras, aínda conserva a esencia de antano. Del encárgase agora a súa filla, Chus, que ademais é unha experta en encaixe de bolillos, para o que, seguro, emprega a mesma habilidade coa que día a día seu pai e a súa nai conseguiron, durante medio século, sacar adiante esta tenda.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica