Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñece Carballo en bici

Compartir:

Coñece Carballo en bici

O Club Ciclista Carballo Placasa comeza a primavera organizando varias rutas gratuítas e sinxelas que unen deporte con coñecemento da contorna

Chega a primavera e iníciase a época de rutas. As que nos propón o Club Ciclista Carballo, coa colaboración do Concello, para estas primeiras semanas da nova estación teñen como fin darnos a coñecer o concello en bici. Son rutas sinxelas, nas que poden participar mesmo nenas e nenos a partir de dez anos, que pretenden unir o pracer do deporte co gozo do contacto coa natureza e o coñecemento da contorna. "A nosa intención é que poidan ir os nenos, os pais e os avós", dinos Juan Manuel Seoane Collazo, director deportivo do Club e autor do libro Coñece o teu concello, editado por Lumieira hai uns anos, unha completa proposta de rutas ciclistas polo concello con amplas explicacións do patrimonio que nos sae ao paso no camiño.

Así que, xa sabes, se che apetece poñerte en ruta, a saída é todos os sábados, ás catro da tarde, na Praza do Concello. Non tes que pagar nada. O único que necesitas é traer a túa bici. A primeira, que tivo lugar o sábado 15, reuniu a preto de medio cento de persoas, entre elas, xente que viña dende Vilagarcía. Detallámosche o percorrido das seguintes.

"Son rutas sinxelas, nas que poden participar mesmo nenas e nenos a partir de dez anos, que pretenden unir o pracer do deporte co gozo do contacto coa natureza e o coñecemento da contorna."

Sábado, 22 de marzo: Artes, Sofán, Berdillo, Bértoa.  

É unha ruta de 19,5 km, de dificultade media. Dende Carballo partiremos, en dirección Ordes, cara á Feira de Berdillo. Dende alí desviarémonos para atravesar a parroquia de Artes até chegar a Vilar de Francos, onde se fará parada xunto ao Pazo, que aínda conserva a torre orixinaria do século XVI, e visitaremos o centenario carballo de San Antón. Acto seguido, adentrarémonos en Sofán, onde está prevista nova parada xunto á Igrexa de San Salvador. De Sofán, iremos até a parroquia veciña de Berdillo e de alí, até Bértoa, onde se poñerá rumbo de novo a Carballo.

Sábado, 29 de marzo: Ardaña, Rus, Férveda de Ramil (aconséllase BTT).

Son ao redor de 20 quilómetros, de dificultade media, que transcorren en parte polo percorrido da Ruta das Férvedas. Aconséllase levar bici de montaña, aínda que, dinnos dende a organización, tamén se pode facer cunha bici de paseo. Sairemos de Carballo polo Paseo do Bosque, até chegar á Brea, berce do pan de Carballo. Continuaremos, alí, polo tramo inicial da Ruta das Férvedas, que abandonaremos para atallar cara á igrexa de Ardaña, onde faremos parada. Continuaremos até a igrexa de Rus, a de maior valor artístico do concello, e chegaremos até a fervenza próxima de Ramil, onde iniciaremos o camiño de volta seguindo o mesmo itinerario.

"Colleremos rumbo a Sísamo, non á beira do Anllóns pero si seguindo un trazado semellante ao do río, que en ocasións poderemos escoitar. Mesmo, nalgunha ocasión, teremos que atravesar algún regato."

Sábado, 5 de abril (Sísamo, Goiáns, Cances)

Aconséllase bici de montaña, aínda que tamén se pode facer con bici de paseo. Serán, tamén, ao redor dos 20 quilómetros, cun percorrido un chisco máis complicado que o anterior. O itinerario aínda non está definido por completo, pois moitos dos camiños están preto do río e haberá que comprobar, cando se achegue o momento, que neles non haxa aínda moita auga. Sairemos de Carballo á beira do río Anllóns, por detrás do Pazo da Cultura, até chegar ao muíño do Quinto. Pasaremos preto da fábrica de Conservas Calvo e colleremos rumbo a Sísamo, non á beira do Anllóns pero si seguindo un trazado semellante ao do río, que en ocasións poderemos escoitar. Mesmo, nalgunha ocasión, teremos que atravesar algún regato. Pasaremos por Bas, Goiáns e Cances até chegar de novo a Carballo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica