Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Cargada vén a axenda da finde en Carballo. Teremos teatro con Cándido Pazo e os Monicreques de Kukas, concertos rock e rap, foliada, rutas en bicicleta e até un aberto de billarda .

VENRES: TEATRO E MÚSICA

Cartel de

O venres, teatro con "As do peixe" e concerto de The Cerne

Teatro: As do peixe. Pazo da Cultura. 21.00 h.

O venres chega ao Pazo da Cultura unha das obras teatrais de máis éxito en Galicia nesta tempada. Non obstante, As do Peixe, escrita por Cándido Pazó, ten cinco nomeacións nos premios María Casares 2014. A obra, dedicada ás traballadoras das conserveiras, e baseada en testemuños reais, de seguro nos ha de tocar de moi preto, pois non son poucas as mulleres carballesas que traballaron e traballan neste sector. A entrada ordinaria, a 4 euros (con desconto, para estudantes e maiores de 65 anos, a 3 euros).

Concerto. The Cerne. Sala Dublín. 22.30.

A banda carballesa The Cerne preséntanos a súa nova vocalista, Fani Villar, no concerto  benéfico do venres noite na Dublín. O concerto, que leva por nome "Con certo mimo" daranos coñecer a nova etapa do grupo. A entrada custa 3 euros e todo o recaudado irá destino á asociación protectora de amigos dos cans de Carballo.

SÁBADO: RUTAS, COMPRAS, BILLARDA, MÚSICA

Bono de Compra e Tapea

Bono de Compra e Tapea

Compra e tapea. A Milagrosa.

Tapas gratis e bonos de desconto. Eses son os dous grandes reclamos do "Compra e Tapea" que, dende o 15 ao 30 de marzo, nos convida a ir ao barrio da Milagrosa. Se fas un gasto dun mínimo de 20 euros nalgún dos comercios da zona, terás tapa gratis en locais hostaleiros. E se, nos bares, cafeterías e casas de comida do barrio, fas un consumo mínimo doutros vinte euros, conseguirás un bono de desconto do 10% en compras entre 20 e 200 euros nas tendas. Máis info aquí.

Ruta Ciclista. Praza do Concello. 16.00 h.

O Club Ciclista de Carballo inicia o sábado as súas rutas polo Concello. Serán en total catro, en sábados consecutivos a partir de mañá. Para unirte, só tes que estar coa túa bici e co teu casco o sábado na Praza do Concello. A ruta deste sábado, de dificultade baixa, ten un percorrido de 19 quilómetros por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza. Máis info aquí.

All Star de Billarda no Chorís

All Star de Billarda no Chorís

All Star de Billarda. Barrio do Chorís. 15.30 h.

A Liga Nacional de Billarda organiza o sábado pola tarde un All Star de Billarda nas pistas do Chorís, co fin dar a coñecer este xogo tradicional que tantas recordos seguro ha de traer aos maiores de cincuenta anos. Así que, se queres aprender a xogar á billarda ou ver aos campións galegos, os "coroceiros", este sábado terás unha oportunidade única de facelo. Tes máis info aquí.

Foliada. 20.00 h. Pub O Patacón.

Pola tardiña, as billardas darán paso aos instrumentos. A organización do All Star de Billarda organiza, para as oito da tarde no Patacón, unha foliada. Integrantes da Liga Nacional de Billarda collerán gaitas e outros instrumentos tradicionais para animar a foliada.

Concerto de Os Vacalouras, 12 Labirinto e Xenderal. Sala A Reserva. 22. 30 h.O All Star de Billarda pechará con rock e rap en galego. Os Vacalouras ensinarannos o seu particular estilo pataca´n roll. Os 12 Labirinto chegarán de Cerceda con temas propios e versións de bandas como Barón Rojo, Barricada e os Suaves. O tamén cercedense Xenderal amosaranos a súa mestría cos ritmos do ragga, rap e beatbox.

Concerto "Recambios Tucho". Pub Goldie. 01.00h. Ás noites de sábado do Goldie chega esta semana "Recambios Tucho", que nos prometen traernos o mellor rock en galego. Poderemos escoitar versións de cancións míticas dos Rolling Stones, Led Zepellin, Guns and Roses, ou The Who, con letras en galego e cheas de humor. Á fronte da banda, Tucho, o guitarrista de Herdeiros da Crus.

DOMINGO: ÁRBORES, SENDEIRISMO, MONICREQUES

Día da Árbore con Senda Nova

Día da Árbore con Senda Nova

Día da Árbore. Horto ecolóxico (rúa Nardos), 11.00 h.

A asociación ambiental Senda Nova convídate a celebrar o Día da Árbore plantando e apadriñando unha árbore. Medio cento de árbores autóctonas, sobre todo carballos, serán plantados no Horto ese día. Unha vez medrados, serán transplantados noutras zonas. Se queres participar, vente polo Horto ecolóxico ás once co teu caldeiro e a túa pala. A actividade está integrada nas Xornadas de Interpretación dos Bosques de Senda Nova.

Camiño dos Faros

Camiño dos Faros

Camiño dos Faros. Etapa Niñóns- Ponteceso. Saída en bus ás 9.15 de Ponteceso a Niñóns.

Non deixará de sorprendernos todo o que levan conseguido os trasnos, ese grupo de xente que, de maneira totalmente voluntaria, abriu hai agora un ano unha ruta de sendeirismo de máis de 200 km pola Costa da Morte, á beiriña do mar. Esta primavera completarán a terceira edición do Camiño. Este domingo terá lugar a segunda etapa, de Niñóns a Ponteceso, un total de 27 km. Se queres vir, só tes que aparecer ás nove da mañá en Ponteceso. Dende alí, un bus conduciranos ao lugar de partida da ruta, Niñóns. Máis info aquí.

Teatro en familia. Pazo da Cultura. 18.00 h.

Os Monicreques de Kukas, todo un referente no teatro galego, chegarán o domingo a Carballo con "O Kikirixote, aventuras e desventuras dun galo de curral". A compañía de marionetas máis antiga de Galicia fai así unha particular homenaxe ao Quixote, no que mesmo teremos un Chancho Panza, unha Dulcichoca, un granxeiro de carne e oso e máis dunha vintena de títeres. A entrada ordinaria e a 3 euros (2 euros, o prezo especial con desconto para estudantes e maiores de 65 anos).


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica