Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñece os nosos bosques

Compartir:

Coñece os nosos bosques

Senda Nova organiza charlas e visitas á Ribeira da Pena, un dos bosques atlánticos máis importantes da Costa da Morte, e ás Fragas do Eume, o máis occidental de Europa.

Queres coñecer mellor o noso bosque atlántico? Apetéceche botarte a camiñar por un dos bosques autóctonos máis importantes da Costa da Morte, a nosa Ribeira da Pena?  Apetéceche apadriñar unha árbore? Todo iso, e aínda máis, nos ten preparado a asociación ambiental carballesa Senda Nova para este mes de marzo dentro das Xornadas de Interpretación dos Bosques. Un completo programa que, até o 30 deste mes, inclúe a celebración do Día da Árbore (o domingo, 16), roteiro interpretativo polo Bosque de Ribeira da Pena (o domingo, 23) e visita ás Fragas do Eume, o bosque atlántico máis occidental de Europa, o domingo 30. Ademais, haberá unha charla-faladoiro sobre a cultura, paisaxe e ecoloxía na Ribeira da Pena a cargo de Evaristo Domínguez Ríal (o sábado 22 no Fórum) e, aínda pendente de confirmar, outra coas Fragas do Eume como tema.

Día da Árbore

"Trae o teu caldeiro e a túa pa e poderás plantar e apadriñar unha árbore. A cita será ás once da mañá do domingo 16, no Horto Ecolóxico"

O domingo 16 poderemos celebrar o Día da Árbore en Carballo coa asociación Senda Nova no horto ecolóxico, na rúa Nardos. Trae o teu caldeiro e a túa pa e poderás plantar e apadriñar unha árbore. A cita será ás once da mañá. Agardando por nós estarán ao redor dun medio cento de árbores autóctonas, fundamentalmente carballos, que serán plantadas no terreo do horto ecolóxico e logo, unha vez medradas, transplantadas a outros espazos.

Roteiro pola Ribeira da Pena

Ribeira da Pena

Ribeira da Pena

Ribeira da Pena é unha ampla masa de bosque autóctono situada entre os concellos de Carballo e Cerceda.  Malia a ser aínda unha gran descoñecida, está considerada como un dos bosques atlánticos máis importantes, senón o máis, da Costa da Morte. Dela teremos oportunidade de saber máis, na fin de semana do 22 e 23 de marzo, tanto na teoría como sobre o propio terreo.

Da teoría encargarase o mestre Evaristo Martínez Rial que, cos coñecementos que atesoura, é en si unha enciclopedia aberta sobre o noso concello e a súa contorna. Impartirá unha charla o sábado sobre o bosque, que será de entrada libre e terá lugar no Fórum o sábado ás dez e media da mañá.

"Atravesaremos o bosque de sur a norte, baixando dende a parte alta do río Abelaira, e cruzándoo por pontes de madeira construídas dende Senda Nova"

A posta en práctica será ao día seguinte, no roteiro a pé de sete quilómetros no que teremos oportunidade de coñecer de preto a Ribeira da Pena. O percorrido comezará na aldea de Toural, na parroquia de Rodís, e rematará no Dolmen da Pedra da Moura, nas brañas do Carrexal. Atravesaremos o bosque de sur a norte, baixando dende a parte alta do río Abelaira, e cruzándoo por pontes de madeira construídas pola propia xente de Senda Nova e dos obradoiros ambientais que organiza. Poderemos ver vellos muíños de río abandonados e mesmo un en funcionamento e visitaremos, ademais, o castro de Aldemunde, no que aínda se poden apreciar os seus dous muros defensivos.  O roteiro terá lugar o domingo pola mañá. A inscrición é gratuíta (até o día 21 no Horto Ecolóxico), e as prazas limitadas.

Visita ás Fragas do Eume

Fragas do Eume

Fragas do Eume

Das Fragas do Eume poderiamos destacar a súa importancia como o bosque atlántico máis occidental de Europa, ou a peculiaridade de estar situadas relativamente preto do mar, mais o que realmente impresiona delas é a súa fermosura e o seu recollemento, que ten ben se pode sentir á beira do mosteiro de Caaveiro.

A inscrición a este roteiro poderá facerse tamén no Horto Ecolóxico, até o día 29. As prazas, son limitadas. O prezo, 15 euros, que se reduce a 9 euros en caso de menores e persoas asociadas a Senda Nova. De poder confirmarse a charla do sábado 29 sobre as fragas, tería lugar no Forum ás 10.30 h. e sería de entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica