Arte urbana para reinventar a vila
A artista hindú Samia Singh e a xaponesa Elin Kawa incorporáronse ao "Derrubando muros con pintura"
Samia Singh, pintando nunha esquina coa rúa Coruña
O verán chega á iniciativa "Derrubando muros con pintura" coa aposta pola internacionalización do proxecto, que agora atravesa continentes. Tralo San Xoán chegaron á nosa vila a artista hindú Samia Singh e a xaponesa Elin Kawa. E, nos vindeiros meses, serán máis as incorporacións. O Derrubando Muros con pintura pretende facer da nosa vila un museo ao aire libre e un escaparate da arte urbana, convertendo a capital bergantiñana unha pequena Filadelfia, cidade estadounidense hoxe en día referente por unha iniciativa similar.
Todo comezou aló polo outono do pasado ano. Foi entón cando as coordinadoras do proyecto, a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile, comezaron co mural inaugural, no lateral dun vello edificio da rúa do Sol, nunha das principais entradas á vila. Na primavera, o proxecto daba un importante salto: unha equipa de artistas locais uníanse ao proxecto: Lidia Cambón, Andrés Andrade, Mon Lendoiro, Emi de las Heras, Eva Facal e Cristina Castro, aos que se incorporaron un chisco despois Santi Picos, Antonio Taracido e Mou. Velaquí che deixamos unha pequena descrición de cada un dos murais.
Paula Fraile: humidade en abstracto
Psicodelia no mural de Paula Fraile
Ás coordinadoras do proxecto tócalles agora camiñar por separado. A manchega Paula Fraile está a traballar no lateral dun edificio da zona de Catro Portas, nunha das principais saídas de Carballo á Coruña. Aproveitará as manchas de humidade da parede para integralas no mural e manterá os dous vellos carteis publicitarios que penduran da parede.
Roberta Venanzi: harmonía clásica
Vella estación de autobuses
A italiana Roberna Venanzi trasladouse agora á traseira da vella estación de autobuses. Ela está a aproveitar os módulos nos que está dividida a parede a modo de fiestras, botando man de cores primarias e fortes e da combinación de figuras xeométricas e formas máis fluídas, de forma harmónica e respectando o entorno.
Lidia Cambón e Andrés Andrade: Na escola de Arrabales
Escola de Arrabales
Lidia Cambón e Andrés Andrade teñen por cometido darlle nova vida á escola unitaria de Arrabales. Pintarán por completo o seu exterior con motivos de inspiración infantil e cheos de corido. "Para nós, para os artistas locais, é unha oportunidade para que se nos vexa". Lémbranos Lidia a importancia da arte na rúa en cidades como Londres ou Berlín para reafirmar que este será un proxecto que sitúe a vila na vangarda.
Cristina Castro: evocación infantil
Detalle do mural de Cristina Castro
Moi preto de Lidia Cambón, tamén no barrio da Milagrosa, traballa, pincel en man, Cristina Castro, quen está a cubrir as paredes do baixo dun edificio da zona cun mural de motivos infantís, no que unha cativa lanza pompas de xabón a un despexado ceo azul.
O guitarrista de Eva Facal
O guitarrista de Eva Facal
A artista Eva Facal tróuxonos á rúa do Sol un novo habitante, un mozo tocando a guitarra, cun canciño aos seus pes, debuxado en sutís liñas azuis sobre un fondo marelo. Preto do Museo de Bergantiños, no lateral dunha desas casiñas que aínda dan testemuño do que era Carballo hai medio século, a imaxe sorprende polo seu encanto.
O mundo circense de Emi de las Heras
O mundo circense de Emi de las Heras
Emi de las Heras está a traballar no número 11 da rúa Baixa. Un grupo de acróbatas protagonizan o seu mural, unha imaxe sutil, hetérea, sinxela, delicada, de influencia minimalista, e inspirada no mundo do circo, un mundo de enganos, dinos a autora, que se agochan detrás dese espectáculo de fascinante ledicia.
Do figurativo ao abstracto, do xogo cromático ao minimalismo nas cores, serán estéticas diferentes as que se conxuguen no proxecto, mais compartirán un obxectivo común: facer abrollar a primavera nos muros máis grises da vila.
O universo naif de Mon Lendoiro
O artista carballés Mon Lendoiro, que vén de abrir galería na vila, está a empregar de lenzo unha parede próxima á futura biblioteca.
Liberdade é o que transmite a moza en motocicleta e o mozo en bici que protagonizan a súa creación, que nos evoca o universo naif e de reminiscencias infantís ao que gusta de viaxar o artista.