Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A actualidade en fotos

Compartir:

A actualidade en fotos

A mostra "Fotoxornalismo 2013" reúne instantáneas decisivas da actualidade da Coruña e área metropolitana

Din que unha boa fotografía non precisa pé de foto e, en efecto, moitas das imaxes que conforman a mostra "Fotoxornalismo. Coruña 2013" falan por si soas. O fotoxornalista, a fotoxornalista, é ese profesional que, cámara en man, é capaz de condensar nunha milésima de segundo, aquela na que decide apretar o disparador, todo o que despois as palabras han elaborar en liñas e mais liñas de información.

E é que unha imaxe, é certo, vale máis ca mil palabras. Con certeza,  serán moitas máis as persoas que vexan as fotografías que acompañen esta información que as que a cheguen a ler. Ou non?

As fotografías que conforman esta mostra condensan a actualidade da Coruña e da súa área metropolitana ao longo de 2012 e parte de 2013.  Nela quedan conxelados, retratados para a posteridade, acontecementos e protagonistas que, a partir dun xesto involuntario, dunha mirada ou dunha actitude, delatan de si o que nunca dirán nas súas declaracións.

Polas imaxes da mostra vemos pasar a protagonistas da vida deportiva como Augusto César Lendoiro;  do mundo empresarial como Amancio Ortega; da cultura, como o finado Isaac Díaz Pardo, o último renacentista que fixo de Sargadelos o seu laboratorio;  da vida política como o alcalde da Coruña, Juan Negreira; ou heroes anónimos, como o bombeiro que dixo non ao desaloxo da coruñesa Amalia Rey.

Nestas instantáneas quedan tamén retratados momentos que doen, como o descenso do Deportivo a segunda división, e feridas sociais, como o peche da Fábrica de Armas da Coruña.

Conforman a mostra imaxes de recoñecidas e recoñecidos profesionais do fotoxornalismo na zona: Amador Lorenzo, Andy Pérez, Carlos Pardellas, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, José Cabalar, José Sánchez, Juan Varela, Marta Capote, Mero Barral, Moncho Fuentes, Paco Rodríguez, Patry Fraga, Pedro Puig, Quintana, Susy Suárez, Torrecilla, Vanesa Casteleiro e Víctor Echave.

Se queredes ver máis, saber máis, indagar máis, tedes a expo aberta na sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura, en horario de 17.00 a 21.00 horas, todos os días da semana. A entrada, gratuíta.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica