Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Esta será finde de rock, arte e despedida entroidoeira en Carballo.

Finde de rock

Este será en Carballo un finde de rock. O venres, na Sala A Reserva, teremos rock e punk do país, que nos traerán Os Derradeiros e Lady Chatarra. Letras reivindicativas as súas, afiadas ao ritmo das guitarras e a percusión, moi pegadas á actualidade e cun chamado á protesta e a rebelión. O concerto comezará a partir das dez e media. A entrada, a cinco euros.

Ao día seguinte, en Carballo iremos coa música a outra parte, ao pub Goldie, que volve retomar a programación dos sábados. Farao con Gamuza, que nos versionará coñecidas cancións de pock-rock de sempre.

Arte no Pazo

Detalle da mostra de José Navas no Pazo

Rematamos a semana con dúas novas exposicións en Carballo. O xoves inaugurouse a mostra "Cores", na que o coruñés José Navas mestura corido e forza expresiva en imaxes captadas da natureza manipuladas mediante técnicas manuais e dixitais. A mostra poderá visitarse no primeiro andar do Pazo da Cultura. 

Dende o venres está aberta ao público a mostra "Fotoxornalismo 2013", na que poderemos facer un repaso en fotografías de personaxes e acontecementos que foron actualidade en 2012 e parte de 2013, captadas por recoñecidas e recoñecidos fotoxornalistas. As dúas mostras poden visitarse todos os días da semana, fin de semanas incluídas, de 17.00 a 21.00 h.

A despedida do Entroido

Esta finde despedimos o Entroido, e facémolo, en Carballo, nas parroquias de Cances e de Ardaña. En Cances haberá festa o sábado para peques e non tan peques. A partir das seis media, comezará na escola a festa infantil, con animación e degustación de postres típicos e chocolate, e ás nove collerá o relevo o festival musical para infantil e adult@s organizado pola asociación cultural San Campio. Ás dez da noite, na Casa Sánchez, comezará a cea e o concurso e baile de disfraces en Ardaña.  

A un paso de Carballo, en Buño, celebrarase tamén o sábado o enterro da Mikaela. Xa a mediodía haberá sesión vermú coa Orquestra Canadá e, a partir das catro e media da tarde, unha comitiva levará a imaxe da Mikaela polos bares da vila acompañada dunha disco móbil. A tarde rematará coa entrega de premios aos mellores disfraces e, pola noite, trala incineración da Mikaela con fogos de artificio e bombas de palenque, comezará a verbena, tamén coa Orquestra Canadá.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica