Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O noso comercio e sector turístico, en continua...

Compartir:

O noso comercio e sector turístico, en continua formación

Serán dez novos cursos de formación gratuítos, organizados pola Concellería de Promoción Económica.

En Carballo, o comercio e a hostalería son motor e carta de presentación. Non obstante, a capital bergantiñá é a principal vila comercial da comarca e das máis importantes da Costa da Morte. Contamos cun dinámico e innovador pequeno comercio e, para apoialo, ao longo dos vindeiros meses celebraranse diversos cursos de formación gratuítos que terán lugar no Fórum, un dos nosos edificios máis emblemáticos que nace co fin de servir de espazo de formación e encontro aos principais sectores económicos do Concello. Se che interesa participar, has de cubrir esta ficha de inscrición. Velaquí unha relación detallada de datas, horarios e contidos. Todos os cursos están dirixidos ao sector hostaleiro, agás os dous primeiros dedicados ao comercio en xeral.

1. Curso de actualización comercial

O curso conta cun total de catro módulos, nos que aprenderemos a coñecer mellor a nosa tenda (distribución de mobiliario, implantación de produto e imaxe de marcas), e abordaremos cuestións de escaparatismo e de  fidelización e captación de clientela. No último módulo, visitarase a tenda de cada unha das persoas que participedes, e analizaranse debilidades e fortalezas e diferenciación da competencia, así como maneiras de actualizala. Serán 40 horas de duración, que se desenvolveran en dúas partes, do 1 ao 30 de abril. A primeira constará de 20 horas continuas e, despois dunha semana na que as e os participantes desenvolverán as tarefas nas súas tendas, o curso rematará con 20 horas prácticas no propio comercio.


2. Curso de presentación de regalos e empaquetado alternativo

Dise que tan importante é o regalo como o que o envolve. De aí que o empaquetado non sexa unha cuestión menor. No curso tratarase a importancia do empaquetado, a súa función como espello da imaxe de marca, as presentacións de empaquetado personalizadas e o empaquetado na época de Nadal.  Abordaremos tamén diferentes tipos de papel, de formas de presentación e de técnicas de empaquetado, así como o emprego de elementos alternativos como cartón, rafia ou conchas. Desenvolverase do 12 ao 26 de marzo, de nove a once da noite.

3. Comercialización e deseño de cartas de restaurante

Unha boa carta é fundamental para o bo funcionamento dun local hostaleiro. A organización da carta, as estratexias de venda, a técnica do menú "engineering" (análise da popularidade e da marxe de beneficio do produto), os prezos e a competencia serán os principais contidos deste curso que combina parte teórica e práctica. Desenvolverase ao longo de catro horas o 24 de marzo.


4. Mise en place

E que é iso da "mise en place"? Pois trátase, en síntese, de saber organizar ben a materia prima coa que te manexas e tamén os procesos de traballo para que nada quede ao chou e todo saia perfecto. Ao longo do curso falaremos de como preparar o servizo de almorzos, de comida e de ceas; dos materiais necesarios para unha boa "mise en place", dos pedidos mínimos e da ficha técnica para unha boa posta a punto diaria. Terá lugar o 12 de marzo, con catro horas de duración.

5. Carpeta comercial para organización de eventos


Para todo e, en especial, para a organización de eventos, tan importante é traballar ben como vender ben o traballo que se fai. A carpeta comercial é a carta de presentación, un dossier informativo claro, conciso e atractivo sobre as características do teu negocios e os servizos que queres alugar ou contratar para todo tipo de eventos. Ao longo deste curso, veremos as técnicas para facer o seguimento da relación coa ou co cliente dende principio até final, e para pechar da mellor maneira unha negociación. Falaremos, polo tanto, de como elaborar unha carpeta comercial, dos contratos tipo, da toma de contacto co cliente e do control e seguimento. O curso combinará parte teórica e práctica e celebrarase o 26 de marzo.

6. Folla de servizo e comunicación entre departamentos

Moi importante tamén para a organización de eventos e contar cunha boa folla de servizos, o documento que recolle toda a organización do traballo que ha de desenvolverse, os departamentos implicados, as funcións de cada un e a materia que se precisa mercar e a quen. Trataremos cuestións como a elaboración en si da folla de servizos, a importancia da comunicación departamental, os provedores e as necesidades actuais dentro do departamento de eventos. Combinará parte teórica e práctica e desenvolveranse exercicios prácticos na aula. Será o 17 de marzo.


7 e 8. Inglés e francés básico para a hostalería


Estes dous cursos axudaranche a desenvolverte en situacións típicas, aprendendo palabras claves e frases  de uso frecuente no ámbito da hostalería. O curso de francés terá lugar do 31 de marzo ao 14 de abril, ao longo de 20 horas. O de inglés, outras 20 horas de formación, comezará o 21 de abril e rematará o 5 de maio.

9. Técnicas e importancia dunha correcta atención á clientela

Trataremos de aprender, neste curso, como mellorar a atención á nosa clientela. E farémolo tendo en conta tanto a nosa presentación (aspectos físicos e de uniformidade), como aspectos verbais, as técnicas de actuación ante unha reclamación e os medios e ferramentas para unha boa atención á clientela. O curso terá lugar o 10 de marzo de catro e media a oito e media da tarde.


10. A organización do departamento de aloxamento. Como xestionar os tempos?

Como mellorar a atención a quen se aloxa con nós? Este é o obxectivo deste curso, no que se abordarán cuestións como a boa atención ao cliente, a limpeza dos cuartos, a conservación do mobiliario e os elementos decorativos. O temario abordará os seguintes contidos: organización do departamento de pisos, follas de control, partes de avarías, obxectos perdidos, revisión diaria, revisión periódica e zonas comúns, de paso e da ou do cliente. Serán catro horas o 19 de marzo.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica