Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Do Carballo das ferraduras

Compartir:

Do Carballo das ferraduras

Naquela ferretería O Candado, que abriu en 1945, vendíanse ferraduras, pedras de moer e lamias dos carros

Amalia Bermúdez

Amalia Bermúdez, propietaria da ferretería O Candado Novo

Criouse entre ferros e, quizais por iso, Amalia é unha experta en sacarlle ferro á conversa. Gran faladora, aos seus setenta anos fía nos recordos coa mesma habilidade e coa mesma enerxía coa que trata coa clientela, confecciona prendas ou pinta lenzos. Amalia Bermúdez é a propietaria da ferretería O Candado Novo, á beiriña do antigo O Candado, un deses comercios carballeses de toda a vida, que se mantivo, na confluencia da Gran Vía coa Lagoa e a rúa San Xosé, dende o ano 1945, cando a familia de Amalia abriu por primeira vez as súas portas, até hai apenas medio ano, cando as pechou definitivamente.

Os ferros, sen dúbida, deixaron marca na vida de Amalia. De maneira literal. Ergue un pouco a saia para ensinarme a cicatriz que unha punta lle deixou na perna, debaixo do xeonllo, cando, aos catro ou cinco anos, se quixo subir ao mostrador para xogar a ser maior.

O letreiro do vello Candado

O letreiro do vello Candado

A ferretería O Candado practicamente naceu con Amalia. Ela tiña ao redor dun ano cando o seu pai e a súa nai, un matrimonio moi noviño decidiu independizarse, abandonaron o seu Baldaio natal e comezaron unha nova vida en Carballo.

Fixérono montando unha ferretería, O Candado, nunha Gran Vía que estaba moi lonxe de ser o que agora é. As tres casas que o seu pai e a súa nai construíron foron das primeiras da rúa. Amalia aínda lembra ir ao baile a Bértoa sen apenas atopar casas no camiño.

Ferraduras e pedras de moer

Cadeados á venda

Cadeados á venda

Amalia vén dunha familia emprendedora. O seu bisavó paterno era o dono da casa de baños de Baldaio, á que  por aquel entón acudía a xente a repousar e a intentar mellorar a saúde. O seu avó e varios dos seus tíos foran a América a buscar fortuna. O seu pai e a súa nai, con pouco máis de vinte anos, e unha nena e un neno pequenos, abriron negocio na vila, unha ferretería, O Candado, cuxo vello letreiro, cun cadeado debuxado, forma parte da memoria visual de moitas das persoas que nacemos en Carballo.

E como era unha ferretería naqueles anos de posguerra e estreiteces? Para comezar, o ferro tiña uns usos hoxe esquecidos. Nuns tempos nos que as bestas eran medio de transporte e os bois motor de traballo, as ferraduras constituían, inevitablemente, un dos fortes do comercio. Ferraduras de todo tipo: para bois, para vacas, cabalos e mesmo burros, cada un co seu tamaño.

O señor de traxe gris

O fundador do Candado, José Bermúdez Arijón

O fundador do Candado, José Bermúdez Arijón

Nos primeiros tempos, na tenda había tamén un almacén de leña, que se vendía a quilo, para alimentar as cociñas de ferro que, tamén nas casas da vila facían entón as función de calefacción. Co tempo, ese almacén sería substituído por un de ferro, para prover aos talleres da contorna. Sona tiñan tamén as potas do Candado. Di Amelia que xente de Arteixo ou Ponteceso viña á tenda compralas. Aínda recorda as grandes potas de aluminio que se vendían para facer rixóns.

Para a propietaria do Candado Novo aquel era un mundo alegre. Seu pai, bromista, chegado o tempo de entroido cravaba moedas na rúa, para botar uns risos cando a ou o viandante, enganado, se agachaba crendo que aquel era o seu día de sorte. No recordo de Amalia, a lembranza do pai aparece debuxado como o dese señor de traxe gris co bolígrafo no peto superior da chaqueta retratado nun dos seus cadros.

Unha historia que remata, ou non...

Cando se fixeron maiores, o pai e a nai de Amalia dividiron o negocio entre o seu irmán e mais ela. O irmán quedou a cargo do vello Candado. Ela abriría outra ferretería á beira, o Candado Novo. A tenda do irmán pechou hai uns meses e Amalia ten intención tamén de deixar pronto o negocio. Os seus fillas, as súas fillas, teñen xa as súas propias profesións e non van coller o relevo. Na porta da tenda, un letreiro anuncia que se vende ou se traspasa.

Deixo a Amalia cando unha amiga e veciña, que tamén estivo a cargo doutra vella ferretería de Carballo, a de Ventura, a vén buscar para ir dar un paseo. A amiga logo me quita parecido coa miña familia. Di que ten gravadas na súa cabeza as caras da xente de antes que ía polo seu comercio, de aí a súa habilidade para sacar semellanzas. Marchan pero déixanme un agasallo non pouco valioso: a historia da vila vista por detrás dos mostradores.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica