Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Sondeseu é basicamente movemento, forza,...

Compartir:

"Sondeseu é basicamente movemento, forza, enerxía. Esperta as ganas de bailar"

Rodrigo Romaní estará este venres en Carballo con Sondeseu, a primeira orquestra folk de Europa

Rodrigo Romaní, nunha foto de Rafael Ojea

Rodrigo Romaní, nunha foto de Rafael Ojea

Rodrigo Romaní, músico de delongada traxectoria no folk galego, é na actualidade o director de Sondeseu, a primeira orquestra folk de toda Europa, que este venres estará en Carballo para iniciar a xira do seu último traballo, "Danzas brancas". Todo un experimento e unha experiencia, dende logo única, escoitar en harmonía voces, harpas, gaitas, zanfonas ou violíns, que poñen en escena case medio cento de artistas instrumento en man.

-Carballo vai ser o punto de partida da xira do voso último traballo, "Danzas brancas", verdade?

-Si, efectivamente. Houbo unha presentación oficial en Vigo, en decembro. A xira, que se compón de cinco concertos, comeza en Carballo, e continuará despois por Lugo, Ourense, Santiago…  

-Como é que comezades a xira en Carballo?  

-Pola xenerosidade da proposta do Concello, que foron os que nos chamaron para ir, e nós aceptamos encantados. Desde o punto de vista de Cultura, Carballo está funcionando moi ben. É toda unha referencia.

-En que consiste este "Danzas brancas"?            

-"Danzas brancas" repite o esquema dos outros discos. É música tradicional con arranxos contemporáneos feitos para orquestra especialmente polas persoas encargadas das seccións. Concretamente, neste álbum van cousas miñas, de Xaquín Xesteira, de Anxo Pintos e Xosé Liz. Eses temas son, ou ben compostos, ad hoc, ou ben de inspiración tradicional e coa linguaxe da orquestra en plan contemporáneo. Hai tamén unha homenaxe ao repertorio dos grupos folkie, cunha versión de "O mandil", a famosa peza de Berrogüetto do primeiro disco, unha versión que fixo especialmente o arranxador orixinal da canción, Quico Comesaña. Agora que se desfixeron, adquire un carácter especial de homenaxe. Kepa Junquera colabora tamén cunha rumba que edita no seu disco "Galiza" nunha versión diferente.  

Sondeseu non só foi a primeira orquestra folk en Europa, senón a impulsora da Rede Europea de Orquestras Folk

-Por que ese título, "Danzas brancas"?

-Unha das pezas chámase "Folerpas de danzas brancas". É unha versión dunha danza de Marín. As danzas brancas chámanse así porque, en moitas das súas modalidades, os danzadores e as bailadoras vestían de branco. Son as danzas gremiais, que dende a Idade Media até agora estaban vinculadas, en principio aos ritos da natureza, e despois a festividades da igrexa cristiá. Todas elas forman un xénero moi bonito, e que en particular, en Galicia, teñen unha forma moi interesante. Gustounos a imaxe das folerpas caendo e bailando. Esa imaxe suxeriunos movemento. Sondeseu é basicamente movemento, pois centra a súa expresión no movemento, na forza, na enerxía. A xente di que Sondeseu lle esperta as ganas de bailar inmediatamente.  

-A vosa é a primeira orquestra folk en Europa…

-Foi a primeira. Transcorridos uns cantos anos, xa cando a orquestra tiña un par de discos no mercado, ocorréusenos buscar axuda europea, e presentamos un proxecto que saíu adiante, a ENFO (European Network of Folk Orchestras), unha rede de orquestras europeas, que pretendía que se formaran outras orquestras similares, posto que non encontrabamos ningunha en Europa. Como resultas, creouse unha moi similar a Sondeseu en Finlandia, a Sibelius Academy folk big band. Hai outra en Letonia, e despois podemos encontrar grupos de conservatorios pero que non teñen a estabilidade que pode ter Sondeseu ou a Sibelius Academy folk big band.

Rodrigo Romaní con Sondeseu

Rodrigo Romaní con Sondeseu

-Isto de ser pioneiros como orquestra folk foi complicado?  

-Foi realmente difícil, pero a súa fabricación non foi complexa, porque foi toda unha evolución dunha aula da e-Trad, a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional do concello de Vigo, que é a onde pertence Sondeseu. Pouco a pouco foise desenvolvendo, como un proceso natural. Iso non quere dicir que sexa sinxelo, pois supón mover corenta persoas.  

-E ensamblar instrumentos tan distintos ten tamén o seu aquel… 

- Isto é o que nos rompe máis a cabeza: conseguir con estes instrumentos que non foron pensados para tocar xuntos algo similar á clásica, onde todo está pensado para que os instrumentos estean equilibrados entre si. Nós aínda non puidemos chegar a esa fórmula de equilibrio que nos permita, sen ningunha micrófono, poder soar de maneira compensada. As gaitas soan moito máis que as arpas, que á súa vez soan máis que as zanfonas, que á súa vez se levan mal coa percusión… Concerto tras concerto, intentamos buscar a fórmula ideal entre o son natural e o amplificado. En Carballo, imos facer un concerto semiacústico. Hai unhas seccións que van amplificadas e outras van a pelo, sen ningunha amplificación.

-Vós recolledes pezas populares para o voso repertorio. Como valorarías a zona de Bergantiños canto ao patrimonio da música popular?  

-O repertorio da Costa da Morte e da comarca de Bergantiños está moi metido na música tradicional e son frecuentes as referencias a esa zona. Bergantiños, Costa da Morte e a zona de Pontevedra, a serra do Suído, son zonas moi musicais, a onde foron moitos investigadores a recoller material.

"O futuro está fóra neste momento. Poder vivir da música aquí é moi difícil. Aínda así hai xente que se quere quedar. É consciente da situación e pasa por non ter traballo ou por ir malvivindo para poder seguir cheirando os perfumes da terra"

- A música tradicional segue sendo unha das grandes ausencias nos conservatorios oficiais de educación regrada…  

-En toda Galicia só hai un conservatorio superior, o de Vigo, cunha titulación en instrumentos da música tradicional pero predominando sobre calquera outra materia a gaita. No grao medio, tamén en Vigo, hai esa especialidade pero centrada tamén no mundo da gaita. En escolas de música municipal, hai algunhas con algún departamento, pero sempre a gaita e a percusión levan toda a dedicación. A E-Trad, a nosa escola, mete a gaita e a percusión no contexto da música tradicional e popular e da música folk, modernamente, que inclúe moitas cousas, non só a dedicación intensiva a gaita e percusión, senón que se mesturen co canto, co violín folk, con instrumentos máis recentes como a arpa ou os buzukis… Especializarse nun instrumento como a gaita, que ten un rexistro moi curto, está moi ben pero non require unha titulación superior.


-Como debera ser unha titulación superior regrada baseada na música tradicional?  

-Entendemos que unha titulación superior regrada, ten que ser outra cousa, un currículo baseada nun conxunto moi equilibrado de elementos. Para os tempos que corren, nos que levamos máis de 30 anos de folk galego, onde houbo creacións novas que se mesturaron con creacións tradicionais, hai tamén un mundo que ten que formar parte do coñecemento a nivel superior. Iso é no que están no conservatorio de Vigo, pero non lles é tan fácil, porque o ensino regrado está moi controlado dende a administración correspondente, neste caso, a Xunta, e non ten a elasticidade que temos nós como escola municipal, onde, ao non ser un centro de ensino regrado, temos liberdade para facer nós o currículo

Sondeseu, actuando

Sondeseu, actuando

-Ti, que xa tes unha experiencia longa no mundo da música tradicional, que viviches momentos máis doces, como o boom do folk anos atrás, que lle aconsellarías á xente nova que, neste momento, loita contra os elementos para abrirse camiño?  

-O meu corazón está repartido entre o consello de irse fóra, porque a vida está fóra, e o consello de non irse fóra, porque se te quedas axudas a desenvolver o país. Isto realmente está moi complicado. Realmente o futuro está fóra neste momento. Poder vivir da música aquí é moi difícil. Aínda así hai xente que se quere quedar. É consciente da situación e pasa por non ter traballo ou por ir malvivindo para poder seguir cheirando os perfumes da terra. Fáiseme pavoroso o futuro desta xente. A verdade é que a política está arrasando coa cultura, o poder político está destruíndo a cultura, non sei se consciente ou inconscientemente, se por ousadía ou por desidia. Está destruíndo o tecido cultural do país, de toda España. Hai moitísima xente que se está indo. E non é un problema só de Galicia ou da música. Están destruíndo o país e vai custar moito reconstruílo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica