Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Innovando os modos de ensinar

Compartir:

Innovando os modos de ensinar

Lumieira trae este mércores á profesora brasileira Tânia Braga, que falará dun innovador proxecto para o ensino da historia. Presentarase tamén o monográfico da Revista Galega de Educación dedicado a Rosalía de Castro.

Para a xente que guste do mundo do ensino, que ande á procura de novos modos de transmitir os saberes, seguro ha ser de interese esta xornada que a asociación carballesa Lumieira organiza o mércores, 12 de febreiro, no Pazo da Cultura Carballo. A recuperación das historias familiares para o ensino da historia ou propostas didácticas do máis diverso para achegar a Rosalía ás aulas, século e medio despois da publicación de Cantares gallegos, serán os dous temas que centren a tarde. 

A investigadora e profesora brasileira Tânia Braga falaranos dun proxecto de repercusión internacional, "Recriando histórias", no que se introduce ao alumnado na Historia con maiúsculas facendo que se mergullen nas historias máis próximas, nas que poden recuperar a partir dos arquivos familiares.  A partir de aí, as e os propios cativos producen materiais didácticos que logo serán de utilidade para o ensino desta materia nas aulas. En resumo, a Historia a través da intrahistoria.

Co gallo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a revista Nova Escola Galega, senlleira publicación galega no ámbito do ensino, decidiu dedicarlle un completo monográfico no que se revisa o perfil da autora e se achegan diversos materiais didácticos e propostas pedagóxicas (audiovisuais, musicais, plásticas…). O mércores estarán en Carballo, para presentalo, Mercedes Queixas (a coordinadora do número), Suso Rodríguez (o director da revista) e Rosalía Fernández Rial, escritora carballesa autora de varios contidos da revista e presidenta de Lumieira.



Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica