Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Inauguramos os Venres Culturais coa exposición de Pedro Tasende, A Vida Intensa, e a representación de "Da Vinci tiña razón!"

"Estreamos en Carballo os Venres Culturais, a programación cultural do Concello para as fin de semanas destes primeiros meses do ano, e facémolo con moito teatro e con moita arte"

Estreamos en Carballo os Venres Culturais, a programación cultural do Concello  para as fin de semanas destes primeiros meses do ano, e facémolo con moito teatro e con moita arte. O carballés Pedro Tasende inaugura o xoves, 23 de xaneiro, a mostra "A vida intensa", que poderemos ver no Pazo da Cultura até o 25 de febreiro, e a compañía de teatro Excéntricas Producións representará na nosa vila a comedia policial "Da Vinci tiña razón", apenas unha semana despois da súa exitosa estrea en Compostela. E os pubs, un fin de semana máis, seguirán fieis ao seu compromiso coa música en directo: o grupo "La Dulce María" actuará no Goldie o sábado.

Teatro: "Da Vinci tiña razón!"

Este venres, ás nove da noite, o teatro volve a Carballo da man dunha comedia policiaca do grupo Excéntricas Producións, da autoría do francés Roland Tupor e dirixida polo galego Quico Cadaval, a quen entrevistamos esta semana. O argumento mestura o humor e a intriga, nunha montaxe recuperada da contracultura dos anos setenta e non sempre politicamente correcta.

Un alto funcionario policial convida no seu chalé a un compañeiro de traballo, un trepa que exhibe a súa nova esposa como símbolo de status económico. Todo parece perfecto, todo está preparado e impoluto, mais de repente, acontece un imprevisto: os váteres  entúpense. De onde sae toda esa merda? O deber dos policías será descubrilo. Non faltarán a intriga e, sobre todo, o humor. A entrada costa catro euros (tres con prezo reducido). Se queres facerte con bono para os Venres Culturais, aquí tes toda a información

Arte: A vida intensa

O arquitecto, deseñador e creativo Pedro Tasende expón por primeira vez a súa obra plástica, e escolleu para facelo precisamente a súa vila natal, Carballo. "A vida intensa" reúne varias obras creadas polo artista nos últimos meses, que xiran ao redor desa montaña rusa que é a vida, dese medo a vivila e a entrar de cheo no remuíño dos sentimentos, da forza expresiva que os corpos, as miradas e os xestos teñen para desvelar aquilo que non se di con palabras. A mostra reúne pezas elaboradas dende varias técnicas: acrílico sobre táboa, abstracción en madeira e lapis de cores sobre papel.

Concerto: La Dulce María

La Dulce María en concerto

La Dulce María en concerto

E tamén nesta finde haberá música en Carballo. O sábado, no pub Goldie, actuará, de balde, o grupo pontevedrés "La Dulce María", que nos traerá os éxitos da movida madrileña dos anos 80, pezas gravadas na memoria de moitas e moitos de nós, que forman parte, sen dúbida, da banda sonora das nosas vidas.

La Dulce María son Jako (voz principal), Miguel Castro (baixo e voz), Pablo Morán (guitarra e voz) e Pablo Espido (batería e voz). Será a partir das doce e media da noite, ao igual que o resto das propostas incluídas no programa "Planazos de sábado" do pub Goldie.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica