Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo inicia o período de rebaixas con...

Compartir:

Carballo inicia o período de rebaixas con descontos de até o 70%

A vila comercial máis importante da Costa da Morte aposta polo produto diferenciado, diverso e de calidade

O remate do Nadal tamén ten as súas vantaxes. Unha delas é, como non, o inicio da tempada de rebaixas. Que che da preguiza soportar as colas, as aglomeracións  e o estrés dos grandes centros comerciais? En Carballo, atoparás a antítese.

A vila comercial máis importante da Costa da Morte  garante a atención dunha amplísima rede de pequeno comercio, conformada por tendas cheas de encanto con produto diferenciado, diverso e de calidade, cun trato próximo e relaxado. Hai rebaixas de até o 50 e mesmo o 70%.

Ir de compras por Carballo ten o atractivo de poder pasear tranquilamente polas súas rúas (varias das máis céntricas son peonís ou semiopeonís) a medida que se van mirando escaparates, se atopa algunha persoa coñecida ou se para a tomar un café ou unha tapa.

Mais, se hai un día especialmente recomendable para o shopping, ese é o domingo de feira (os segundos, cuartos e, de habelos, quintos domingos do mes). En Carballo atoparás unha vila coas portas das súas tendas abertas en plena mañá de domingo, cando os grandes centros comerciais e o pequeno comercio da maioría das vilas adoita estar pechados. Proba domingo a ir de rebaixas en día de feira, mentres aproveitas para comprar algún produto de primeira man, e sen intermediarios, aos labregos e labregas que venden na feira.

O pequeno comercio carballés caracterízase pola súa vitalidade, que lle fai amosar unha capacidade de resistencia moito maior ao das tendas das grandes cidades. Os nosos comercios demostran enerxías renovadas para, cada vez máis, innovar, mimar a súa presenza e mesmo abrir novas tendas especializadas en nichos de mercado en auxe. O propio concello, a través de diversos cursos de marketing e novas tecnoloxías dirixidos a pequeno comercio e organizados no Fórum, aposta por iso.

Aínda que agora, por lei, non existe período de rebaixas estipulado, as do inverno, en Carballo, adoitan clausurarse coa feira de oportunidades, que o Centro Comercial Aberto organiza no mes de marzo. As rebaixas, indícanos a presidenta do colectivo, María del Carmen Freire, teñen este ano, se cadra, un incentivo a maiores, que as e os bos compradores seguro saben valorar. Moitas persoas limitaron as súas compras no outono en espera precisamente dos descontos, de modo que agora os estantes das tendas ofrecen aínda un stock amplo e variado. Así que, non te despistes, aquí e agora é un bo momento para comprar.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica