Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Arte, concertos, maxia e teatro para a última...

Compartir:

Arte, concertos, maxia e teatro para a última finde do ano

Axenta a rebordar con Mercarte, o Pequespectacular, a Green Fest Night e o festival benéfico de rock da asociación cultural Rebeldía

A última finde do 2013 vén coas caínzas cheas de música, teatro, maxia e arte. No segundo andar do Mercado municipal a cita será dobre. O venres celebrarase o festival benéfico "Os Reis Magos tamén bailan rock and roll" e, ao longo de toda a fin de semana, terá lugar a primeira edición do Mercarte, onde artistas locais exporán a súa obra e organizarán obradoiros gratuítos. O Pequespectacular, a programación do Concello para público infantil, recalará no Pazo da Cultura nesta ocasión co ilusionismo do mago Luis Boyano e cun clásico da literatura infantil, "O soldadiño de chumbo", de Hans Christian Andersen. E as dúas salas de concertos carballesas non se quedarán atrás. Na Reserva teremos a Machina, banda que vén de recibir o premio galego da música na sección de metal, e na Sala Dublín, o Balonmán Xiria celebrará o seu segundo Green Fest Night, cun concerto dos carballeses Versión Imposible.

Mercarte: arte na Praza de Abastos

Artistas e artesáns locais exporán a súa obra estes días no segundo andar do Mercado municipal, un amplo espazo que se está a revelar idóneo para a realización de eventos culturais, como foi o caso, no pasado outono, dalgunha das representacións teatrais do FIOT.

Cada artista contará cun orixinal stand propio, construído con andamios de obra. E, mentres a xente maior mira e remira neste peculiar mercado, non de produtos frescos do día, senón de obras artísticas, @s peques da casa, e tamén algún adulto que non perdera a ilusión de enzoufar as mans entre pinturas, barro ou teas, poderán sacarlle punta ás súas habilidades nos numerosos obradoiros que ao longo da finde organizarán as e os creadores participantes. Haberaos de anxos de papel, postais de Nadal, gravado, afieltrado, debuxos con ceras, pintura con xornais, iniciación á cerámica e pintura de pedras. Podes consultar aquí os horarios e todos os detalles da programación.

Festival benéfico de rock

Este venres, a partir das once da noite, e tamén no segundo andar do mercado, celebrarase o festival benéfico “Os Reis Magos tamén bailan rock and roll”, organizado pola asociación cultural Rebeldía. O festival será, unha vez máis, unha xanela aberta para grupos musicais emerxentes da zona. Actuarán Arabian Evils, Cam Estudio e Lowcos, e recadaranse xoguetes que serán entregados a Cruz Vermella. Ademais, farase entrega dos premios Alberto Gende, que recaerán na exitosa iniciativa “O camiños dos faros”, un percorrido sendeirista que atravesa toda a Costa da Morte, dende Malpica até Fisterra, e na Praza dos Libros, a feira literaria de Carballo, que se celebra no mes de agosto.

Maxia e teatro para peques

O Pequespectacular, a programación de Nadal do Concello para público infantil, recala esta finde no Pazo da Cultura con maxia e teatro.

O venres teremos ao ilusionista Luis Boyano a partir das seis da tarde, cun espectáculo no que celebrará sobre o escenario os seus 25 anos no mundo do ilusionismo.

O sábado, tamén á mesma hora, a Carballo chegará todo un clásico, “O soldadiño de chumbo”, dun dos grandes da literatura infantil, Hans Christian Andersen, representado pola compañía Baobab Teatro.

A entrada,  nos dous casos, será a tres euros (dous con prezo reducido) e poderá reservarse con antelación chamando ao 981704300.

Machina e Versión Imposible

E as dúas salas de concertos de Carballo, A Reserva e a Dublín, volverán dalo todo nesta última finde do ano.  Na Reserva teremos ao cercedenses Machina, que veñen de ser premiados na gala dos premios galegos da Música, na sección de metal. Esta banda de rock alternativo, hardcore melódico e metal está agora facendo xirar o seu último traballo, “A síndrome de Nerón”, un EP conformado por cinco temas dos que nos din que están cheos “de forza e carraxe”. Esa mesma noite, será o sorteo, na Reserva, da guitarra elaborada polo luthier carballés Paoson, no que poderán participar todas aquelas persoas que teñan entrada dalgún dos concertos e eventos celebrados na sala ao longo de 2013.

A Sala Dublín acollerá, tamén o sábado, a Green Fest Night, organizada polo Balonmán Xiria, que contará coa actuación dos carballeses “Versión imposible”, un grupo conformado por músicos forxados na movida dos anos 80, que se volveron reunir hai un tempo para versionar grandes temas do pop rock español.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica