"Carballo é unha vila con moita vida e moi agradable. Dá gusto"
Lucía Pérez, cantante
Lucía Pérez no festival de Aspaber, en Carballo
A eurovisiva Lucía Pérez estivo este sábado en Carballo, regalando risos, apertas e, como non, a súa voz, no festival de Nadal da asociación Aspaber, que este ano estaba dedicado a Eurovisión. Fíxoo de maneira desinteresada, como colofón a un completo repaso polo festival no que as usuarios e usuarios do centro recordaron algún dos hits do certame, como as actuacións de Massiel, Micky, Salomé, Mocidades, Sergio Dalma, Serafín Zubiri ou Rodolfo Chiquilicuatre. Foi, sen dúbida, unha mañá especial.
-Como é que estás hoxe aquí?
-A asociación Aspaber púxose en contacto co meu produtor e faloulles deste festival eurovisivo. A verdade é que eu xa tiña compromiso, porque tiña que ir a Ourense hoxe, pero como era en relación con Eurovisión e, ademais, unha proposta dunha asociación, díxenme "teño que estar". E aquí estou.
-E ademais é unha colaboración desinteresada…
-Eu sempre que podo fágoo. Chámante de moitos benéficos e non podes ir a todos, pero sempre intentas facer algúns, porque isto enriquece á persoa por completo. Hoxe paseino moi ben, e iso non se paga con cartos.
-Dixeches que igual volvías…
-Iso espero. Cando estou a gusto coa xente intento volver, e seguramente volva de novo. Paseino moi, pero que moi ben coa xente.
-Que che achega unha experiencia como esta?
-Ves que eles son felices co que teñen. Faiche valorar moitas cousas. Son emocións moi bonitas e moi positivas para as persoas. A xente debería ver a realidade, porque isto non é máis que a realidade.
"Se te fixas no panorama musical todos son andaluces. Téñeno moito máis fácil. Melendi, por exemplo, é do norte, pero con aire andaluz"
-Estiveras algunha vez por Carballo?
-Estiven cantando para a gala do comercio hai anos. E si que actuei pola zona, en Malpica, en Ponteceso… Pero en Carballo, non actuei, así que espero que este verán poida estar cantando para as festas.
-Coñeces o concello?
-Coñezo pouco. Fíxate que moitas veces, cando actuabamos pola zona, perdiámonos e acababamos en Carballo. Onte estivemos tomando uns viños, e é unha vila con moita vida, moi agradable, dá gusto.
-Con que ánimos comezas o ano que vén?
-Estamos preparando o novo disco, que comezaremos a gravar despois do Nadal, para que estea na primavera. Vai ser un disco alegre. Dende o anterior xa pasaron anos. Eu creo que a miña capacidade de interpretación vai mellorando e agardo que neste disco se note. Seguimos traballando ao noso ritmo e sen parar.
Lucía Pérez cantando en Carballo
-Levando adiante o barco, como dis na túa conta de twitter. É difícil levar adiante o barco nestes tempos, que non son bos para a lírica nin para a economía?
-Isto ten que pasar, e o importante é aguantar e seguir traballando.
-Ti fuches a primeira galega…
-… en Eurovisión, si.
-Non recordaches hoxe os momentos vividos en Eurovisión?
-Eurovisión para min foi unha experiencia moi boa, moi positiva, e eu aquí estiven na miña salsa. Ademais, dende que fun eu, estou máis metida no mundo eurovisivo. Levo fotos para poñer no facebook e a moita xente que me segue, que son eurofans, vailles encantar.
-E que cambios supuxo Eurovisión na túa carreira?
-En Galicia o nome de Lucía Pérez afianzouse máis e abriume portas.
-E fóra de Galicia, é máis difícil entrar?
-É moito máis complicado, e máis cos cambios nos mercados na venda de discos. Pero estiven actuando por fóra. Por exemplo, estiven na Rioxa e acabo de estar en Madrid…, e se non fora a Eurovisión sería máis difícil.
-Cres que para unha artista galega é máis difícil saír fóra de aquí?
-Totalmente. Se te fixas no panorama musical todos son andaluces. Téñeno moito máis fácil. Melendi, por exemplo, é do norte, pero con aire andaluz.