Axenda da finde
O sábado, humor con David Noya, e o domingo, os Reis Magos máis roqueiros
Xa estamos en vésperas de Nadal e no comezo das vacacións. Esta fin de semana, moitas asociacións e entidades do concello fan demostración da súa capacidade de imaxinación e, sobre todo, para xuntarse e pasalo ben, nos numerosos festivais que serven de antesala ás celebracións de Nadal. Facemos un repaso.
O humorista David Noya no Goldie
David Noya no pub Goldie o sábado, á unha da noite.
Esta semana, o pub Goldie repite con sesión de humor o sábado. A finde pasada tróuxonos a Pepe Capelán e esta volve a repetir cartel con estrela televisiva, neste caso con David Noya.
Gañador da segunda edición do programa "O rei da comedia", presentador do concurso Arrambla con todo, da TVG, e colaborador da cadena Ser, este mediático humorista, actor e imitador traeranos o seu espectáculo "Mester de Noyaría", no que se transmutará nunha caste de xoglar moderno coa actualidade como fonte de inspiración. Será, no Goldie, na rúa da Estrela, a partir da unha da noite.
Os reis máis roqueiros
Si, este ano os Reis Magos veñen roqueiros. A asociación cultural Rebeldía, a mesma que leva adiante o festival Sereas e Piratas, ideou, para público infantil e adulto, un completo programa de actividades, baixo o nome "Os reis magos tamén bailan rock and roll", no que destacan as actuacións dos grupos locais. Será en dúas xornadas, o domingo 22 e o venres 27, a primeira pensada para as e os cativos e a segunda para o público adulto. Se o tempo acompaña, este domingo pola mañá haberá na rúa Coruña, obradoiros de manualidades e concertos para as minchas da casa. Os obradoiros (de globoflexia, pintura, maquillaxe…) comezarán a partir das once ou doce da mañá e correrán a cargo de Maribel Rega e do artista carballés Mon Lendoiro.
Ás dúas da tarde comezarán os dous concertos en acústico, coa voz fermosa e tranquila de Inés Blanco e o folk indie do grupo Timperis. Ademais de dar a coñecer a grupos noveis da zona, e de aproximar a maiores e peques á cultura e a música das e dos nosos creadores, a iniciativa ten un marcado fin solidario: recadar xoguetes que serán entregados a Cruz Vermella. Tamén se recollerán nos pubs O Patacón, A Reserva e O Silfo.
Papa Noel no barrio de San Cristovo
Festival de nadal de 2012 en San Cristovo
A asociación cultural Chimiringuay organiza tamén, este domingo, o seu festival de Nadal que se prolongará ao longo de todo o día no local social do barrio de San Cristovo. Pola mañá, actuarán dous coros e os grupos Seixo Branco e Teirón, de Razo, farán demostración de baile e cantares tradicionais. A partir das tres e media da tarde haberá actividades para as e os peques da casa.
Ás seis, comezarán as actuacións infantís e ás sete chegará Papá Noel. Trala súa visita, haberá merendola, con turrón, chocolate e refrescos e, despois, máis música e máis baile co coro Vagalume e o grupo infantil Ilusión.
Festival da terceira idade
Tamén as e os nosos maiores saudarán con música, baile e comida o comezo do Nadal. Será no Pazo da Cultura de Carballo, o domingo 22, a partir das seis da tarde. Haberá pinchos, amenización musical a cargo do dj David e, para aqueles e aquelas que sexan de Carballo, sorteo con produtos de nadal. A entrada, de balde. A organización, a cargo da concellería da Terceira Idade.