Humor, panxoliñas e hip hop en galego esta finde en Carballo
O televisivo Pepe Capelán e o rap de Dios ke te crew, entre as nosas propostas de lecer
Carballo consolídase cada vez máis como escaparate musical. Se che apetece bailar ao ritmo de algo que non sexa música disco, se tes ganas de gozar con música galega en directo (e non precisamente de gaitas), o teu lugar está esta finde en Carballo. Hoxe, venres, teremos o rock de Biribirlocke e a música de fusión de Bolboreta na Sala A Reserva. Mañá, tamén na Reserva, estará un referente do hip hop galego, Dios ke te crew. Ademais, poderemos rir a cachón co humor de Carlos Blanco, o venres no pub Carpe Diem, e saudar as festas que se aproximan no concerto de panxoliñas Cantos de Nadal, onde, ademais daquelas panxoliñas máis clásicas e coñecidas, poderemos recuperar os cantares de Nadal e de reis de vello.
O hip hop de Dios ke te crew
O sábado, o hip hop tomará o relevo. Dios ke te crew, o colectivo de hip hop que sorprendeu, entre público e crítica, en 2006, con ese primeiro LP chamado "Xénese", estivo neste 2013 de aniversario.
Dez anos levan xa sobre os escenarios, toda unha década dende que dúas bandas de rap que entón xa eran referentes, 5 talegos e Ghamberros, decidiran fusionarse nun proxecto novo, a rebordar de letras caracterizadas pola crítica, a sátira e a conexión coa realidade galega. Dese percorrido fala a súa canción "Dez", incluída no CD Reliquia que elaboraron con motivo do aniversario.
Pepe Capelán, o showman de moda
O venres chega unha actuación que agardamos dende hai meses, a do humorista Carlos Blanco, que adoita ser un éxito nas súas visitas a Carballo. Blanco non necesita presentacións, tanto por terse infiltrado de cote na intimidade dos nosos fogares dada as súas numerosas participacións en afamados programas e series da TVG, como Luar ou Mareas vivas, como por ter tido oportunidade de velo noutras ocasións na nosa vila en vivo e en directo.
Nesta ocasión estará animando a noite do venres, a noite por excelencia da movida carballesa, no pub Carpe Diem, a partir das once da noite. A entrada custa 10 euros, dous euros menos se a compras anticipada, o que podes facer chamando por teléfono ao número 659 592 301.
Cantos de Nadal
"Con panxoliñas abrimos o groso da programación do Nadal Cultural en Carballo. Este sábado, no Pazo da Cultura, a partir das seis e media e de balde, teremos o concerto Cantos de Nadal"
Con panxoliñas abrimos o groso da programación do Nadal Cultural en Carballo. O sábado, no Pazo da Cultura, a partir das seis e media e de balde, teremos o concerto Cantos de Nadal. Xunto aos coros infantís Vagalume e Candil, que nos ofrecerannos un repertorio de panxoliñas máis clásico, poderemos viaxar no tempo aos sons que acompañaban os Nadais dos nosos avós e avoas, de man das asociacións culturais Argazo e Arume. Lembrarannos os cantos de Nadal e de Reis tradicionais e recrearán os costumes que xiraban ao seu redor. No mesmo acto serán entregados os premios do concurso de carteis de Nadal.