Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Música, maxia, teatro e moita festa na...

Compartir:

Música, maxia, teatro e moita festa na programación do Nadal Cultural

Representación de

Representación de "O soldadiño de chumbo"

Achégase o Nadal e, por unhas semanas, o día a día parece poñerse en festivo estado de excepción, entre a ilusión das e dos peques e os preparativos da xente maior, os regalos, as vacacións e as comilonas familiares. Maxia, teatro, música… son algún dos principais ingredientes que lle darán sabor ao Nadal Cultural deste ano.  Concertos, representacións, concursos, cabalgatas, presentacións de libros…, conforman un abano amplo de actividades organizadas tanto polo Concello, como polas asociacións, parroquias e centros educativos da zona, e no que colaboran tamén diversas empresas da vila.

Pequespectacular

O mago Luis Boyano

O mago Luis Boyano

Que fai frío e non sabes que facer coas minchas da casa? Unha boa alternativa pode ser a programación do Pequespectacular, un conxunto de representacións para público infantil que procuran encher de diversión o tempo de ocio que nestas datas se incrementa.

O día 26 poderemos gozar dun conto clásico de Perrault, a Cincenta, nun espectáculo que mestura danza e monicreques. Luna Teatro traeranos unha representación especialmente recomendada para nenos e nenas de catro a nove anos, "Cenicienta y las zapatillas de cristal".

O mago Luis Boyano tomará o relevo o día 27, cun espectáculo no que celebrará sobre o escenario os seus 25 anos como profesional da maxia e do humor. Este pontevedrés, psicólogo e ilusionista de formación, profesor da primeira titulación universitaria de maxia en España e acostumado a tratar cos máis diversos públicos, proponse agora conquistar os risos e o corazón dos nenos e nenas que acudan a velo en Carballo.

O sábado, 28, Baobab Teatro representará outro clásico, "O soldadiño de chumbo", doutro dos autores clásicos da literatura infantil, H.C. Andersen, e farao mesturando diversas técnicas teatrais como os monicreques e o teatro de actor.

Contos e cantos de nadal

"Cenicienta y las zapatillas de cristal"

De repente, un día atopámonos cantando polo baixo unha panxoliña. Ese adoita ser un dos primeiros síntomas de que o Nadal se achega, e ese tamén é, en Carballo, unha das primeiras manifestacións do ambiente propio destas festas.

Na tarde do sábado, 14 de decembro, poderemos escoitar, no auditorio do Pazo da Cultura, os Cantos de Nadal. Os coros infantís Vagalume e Candil ofrecerannos un repertorio de panxoliñas clásico. As asociacións culturais Argazo e Arume lembrarán os cantos de Nadal e de Reis tradicionais e recrearán os costumes que xiraban ao seu redor. O concerto acompaña a entrega de premios do concurso de carteis de Nadal.

Ese mesmo día, pola mañá, serán entregados outros premios, os do concurso literario Contos de Nadal, organizado por La Voz de Galicia e Radio Voz.

Mais non serán os únicos concursos que se organicen nestas festas. A partir do día 17, un xurado especializado comezará a visitar as terrazas e os escaparates dos locais carballeses inscritos nunha peculiar contenda na que serán premiados aqueles con mellor ambientación de Nadal. O 21, remata o prazo de presentación para outro peculiar concurso, o de beléns nas casas organizado pola parroquia de San Xoán. E o 10 de xaneiro será o último día para presentarse ao concurso de cartas aos Reis Magos que organiza a Cruz Vermella.

Cabalgatas e representacións de Nadal

Debuxo escollido para a postal de Nadal do Concello

Debuxo escollido para a postal de Nadal, do neno Alberto Calleja

Os Reis Magos deixaranse ver non só pola vila senón tamén pola práctica totalidade das parroquias carballesas. Baldaio, Berdillo, Bértoa, Sísamo, Entrecruces, Oza, Razo, Lema, Cances, Sofán, Artes e Rus, recibiranos organizando as súas respectivas cabalgatas.

A parroquia de San Xoán en Carballo, e Razo e Vivente acollerán cadansúa representación de Nadal. Mais o conto non remata aquí, porque son moitas e do máis variado as actividades que organizan as diversas entidades e asociacións do concello: festival de varietés organizado polo Comité de Irmanamento L´Isle Jourdain o día 19, festivais de nadais na Escola de Idiomas, en Aspaber e no local social de San Cristovo, chocolatada o día 30 na ludoteca municipal, baile de fin de ano no Casino, programa de música e obradoiros infantís da asociación Rebeldía baixo o nome de "Os reis magos tamén bailan rock and roll", … e moito máis, que podedes consultar no programa que tedes adxunto a esta información.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica