Cruceiro da Praza de Galicia
Cruceiro da Praza de Galicia
1982 - Praza de Galicia. Carballo
Coordenadas UTM: X= 525230 Y= 4784640
Este cruceiro sorprende a primeira vista pola súa modernidade e polo seu xogo de curvas e ocos. Foi descuberto no ano 1982, nunha homenaxe ao intelectual carballés, Alfredo Brañas. O seu autor, Manuel García Vázquez, máis coñecido como Buciños, é un dos escultores galegos de máis renome, con obra nas principais salas de arte internacionais.
Non podía haber mellor homenaxe ca un cruceiro para Brañas, que combinaba o rexionalismo, un dos primeiros proxectos políticos para Galicia como entidade con identidade propia, cun ideario católico militante.
Esta obra érguese en pleno centro neurálxico da vila, na Praza de Galicia, a poucos metros da casa natal do escritor e político. A súa inauguración tivo lugar no transcurso dunha semana cultural dedicada ao autor no que participaron varios intelectuais galeguistas de principios dos anos 80, como Ramón Piñeiro, Fernández del Riego e Rafael Dieste.