Nova ruta de sendeirismo en Carballo, por terras de Sofán
Estréase este domingo un novo percorrido á beira dos ríos que vertebran esta parroquia, que pasou á historia polas mártires de Sofán
Río Carral
Descubrir o encanto das corredoiras do pasado, estremecerse coas lendas ao redor de paisaxes consideradas máxicas polos nosos avós e avoas, recrear os oficios antigos en muíños ou curtidoiros e, sobre todo, sentir de preto esa paisaxe autóctona e auténtica que dende os camiños de asfalto só podemos intuír. Castros, covas, lendas, historia e historias… Con todo isto e moito máis nos sorprenderá o roteiro de 21 quilómetros que a asociación Senda Nova deseñou pola parroquia de Sofán, unha das máis extensas do municipio de Carballo e regada por multitude de regatos e canles fluviais que proceden das parroquias veciñas máis altas, como a de Montemaior.
Unha vintena de muíños
Muíño
Será unha ruta circular, delimitada polo ángulo recto que conforman os cursos dos dous principais ríos da parroquia, o Bardoso e o Carral. O punto de chegada e de partida será a Igrexa de Sofán, unha das máis amplas do concello, de fermoso e esvelto campanario. Construída en 1732, mestura características do barroco e do neoclásico. Á beira do adro, podemos ver aínda o que agora semella un xardín, e que en realidade son os restos dun antigo cemiterio.
En 1919, catro mulleres foron asasinadas pola Garda Civil pola oposición da veciñanza a utilizar o cemiterio de nova construción que idearan os caciques da zona, no canto de ampliaren o que se usara até aquel entón, como quería a xente da parroquia. Preto da igrexa, está o castro de Periscal, hoxe en día co sistema defensivo xa moi deteriorado debido aos labores de labranza.
No lugar Zarrallo atoparémonos co río Bardoso, e cos muíños de Elicesio. Serán os primeiros, e tamén os de maior tamaño, da vintena de muíños que encontraremos ao longo de todo o camiño, o exemplo máis palpable da fertilidade destas terras cruzadas polas augas de múltiples regatos.
Covas lendarias
Voluntarios de Senda Nova limpando a ruta
Seguindo o curso do río, chegaremos até o lugar de Monelos e de aí, por unha fermosa corredoira, a Reixía. A seguinte parada será no lugar máis alto de Sofán, A Prearada, onde comeremos nunha área recreativa cunha escultura que a veciñanza da parroquia lle dedicou a un párroco recordado aínda pola xente maior con cariño, Antonio Carracedo Viña.
Seguiremos camiño até Santa Margarida, e de aí, por outra das corredoiras máis impresionantes do percorrido, chegaremos até o Monte do Rei e o lugar de Covas, onde veremos a boca dunha das covas que lle deron nome, hoxe en día taponada en parte pola maleza. Hai lendas que din que mesmo chegaba, por baixo da terra, ao mosteiro de Soandres mais posiblemente sexan só iso, lendas, pois é pouco probable que, dada a composición do terreo, puidese prolongarse tantos quilómetros.
A seguinte parada será no Tarambollo, o lugar máis industrial da parroquia, onde visitaremos as instalacións dun curtidoiro que leva en funcionamento xa dende os anos vinte do século pasado e que, hoxe en día, vende pel curtida para todo o norte peninsular.
Castros e torres máxicas
Corredoira
Do Tarambollo baixaremos até o lugar de Guntián, o antigo centro da parroquia, onde, no pasado, estaba situada a igrexa e que aínda hoxe en día conserva un antigo cruceiro. Atoparemos alí un dos espazos máis máxicos da ruta, do que a xente maior aínda fala con respecto e medo: o castro da Torre.
É un castro de pequenas dimensións, con varias murallas, situado nas proximidades do río Carral. No seu interior encontrábanse uns anchos muros que probablemente foran os restos dunha antiga torre medieval, a que lle dá nome ao recinto. As lendas din que nesta zona habitaban os xentís, persoas de grandes dimensións que vivían alí sen relacionáronse co resto da veciñanza.
O tramo final discorrerá en parte por outra fermosa corredoira, que nos achegará ao lugar de Sete, de onde colleremos camiño ao punto de comezo e fin da ruta, a igrexa parroquial, e onde concluiremos unha xornada a través dos ríos, das lendas e dos camiños de vello que tantas historias nos terían que contar se puidesen falar.
*Fotos cedidas pola asociación Senda Nova