Xa coñecemos quen gañou o concurso de escaparates e terrazas de Nadal
Os primeiros premios foron para o escaparate de Mar de Encuentros e para a terraza da taberna O Mexillón
A do Mexillón foi a mellor terraza
Xa coñecemos cales son os escaparates e as terrazas de Carballo mellor decoradas nesta tempada de Nadal. O xurado do concurso organizado polo Concello reuniuse este xoves 2 de xaneiro e deu a coñecer a súa resolución.
No concurso de escaparates, o primeiro premio foi para a tenda Mar de Encuentros. En segundo lugar quedou a floristería Deva, e o terceiro e o cuarto premio foron, respectivamente, para a zapataría Zocas e a tenda de moda A Fragua de Mo.
No certame de terrazas, a mellor valorada foi a da mítica taberna O Mexillón, situada na céntrica casa na que naceu Alfredo Brañas. En segundo lugar, quedou a cafetaría El Patio. O xurado non considerou pertinente conceder un terceiro e un cuarto premio.
Neste enlace podes ver fotos dos escaparates e terrazas gañadoras.
Carballo, vila comercial
O escaparate de Mar de Encuentros, primeiro premio
Carballo é unha vila eminentemente comercial. As súas rúas están, no día a día, cheas de vida, e iso é en gran medida grazas ao atractivo do seu pequeno comercio. Mostra diso é esta proposta. Ao concurso de escaparates presentáronse, en total, dezaoito tendas, e ao de terrazas, seis locais de hostalería.
A iniciativa, da concellería de Promoción Económica, quere mimar a calidade e a boa atención ao público do noso comercio. En ámbolos dous concursos premiáronse aspectos como o emprego de elementos propios do Nadal, a iluminación o esforzo e a dedicación da persoa promotora ou o uso do galego. No caso dos escaparates, valorouse tamén a calidade artística, a composición e a orixinalidade e, para as terrazas, a atención ao mobiliario, a vestimenta, a climatización ou a distribución das cadeiras, mesas e adornos serán tamén elementos fundamentais a ter en conta para obter unha boa cualificación.