Miguel Giaquinto Arán, cociñeiro e propiteario da trattoria Vesubio
Os seus apelidos desvelan as súas dobres raíces, italianas e galegas. De pai napolitano e nai carballesa, Miguel Giaquinto Arán tiña que á forza herdar o gusto pola boa comida. Hoxe en día, cociñar é a súa forma de vida mais ten a gran sorte de gozala como se dun hobby se tratara. Di que hai ingredientes que non nos pode revelar, pero cremos que descubrimos a parte máis importante do seu segredo: a paixón, o bo humor, a creatividade e as ganas que lle pon ao seu traballo.
-Cando fundastes o Vesubio?
-Comezamos no ano 92. Despois, por circunstancias da vida, marchei e despois, cando volvín, collín eu o negocio.
-Como pensastes en montar un local de comida italiana en Carballo?
-Porque eramos os únicos, non había outro local deste tipo.
No Vesubio, fabrican a pasta eles mesmos
-E que tal se adaptou a xente á comida italiana naquel entón?
-Ao principio custoulles un pouco. Aquí temos o costume de comer as pastas moi cocidas e nós faciámolas "al dente", e custou que se adaptaran ao estilo de Italia.
-Agora xa hai máis locais italianos…
-Aquí en Carballo, como restaurante seguimos sendo os únicos. O resto son pizzerías.
-E como adaptades a comida italiana aos gustos da xente de aquí?
-Temos claro que a nosa base é a cociña italiana. Os produtos son italianos e a maioría das materias primas son italianas. Aquí non renunciamos a iso, aínda que nalgún momento determinado podemos preparar algún prato especial. Nas épocas das cachuchas, facemos lasaña de cocido e agora, por exemplo, temos a lasaña de boletus e castañas, que tamén se fai en Italia.
-E como é a lasaña de cocido?
-É sinxela. Ti fas un cocido, cos seus grelos, as súas cachuchas, a súa orella, o seu lacón,… Desmiúzalo todo e móntalo igual que outro tipo de lasaña: base, cocido, parmesano, base e bechamel. Non ten máis ciencia, e sabe ben.
-Que tipo de pratos preparades especificamente para o outono?
-Nesta época, traballamos con moito tipo de cogomelos. Agora mesmo imos facer unha lasaña con orella de xudas, shitake, lepiota procera, níscalo, boletus edulis e angula do monte. Tamén preparamos raviolis recheos de boletus e castaña, ou mesmo de marisco. Iso é todo caseiro. O 80% da pasta producímola nós.
-Utilizades algún tipo de produtos da zona?
-Por suposto. Todo o que é legume, patacas, leitugas, tomates…, comprámolo aquí, ao igual que o pan. O marisco é fundamentalmente da Costa da Morte e de Burela. No caso das carnes, traballamos só tenreira galega certificada.
-Este é o único restaurante italiano que hai en Carballo?
-Prefiro a palabra trattoria, que é como, en italiano, se di restaurante. Trattoria chámanlle aos restaurantes que traballan un pouco de pizza e un pouco de pasta. Tractores non vendemos (risos). Na zona de Bergantiños hai máis restaurantes italianos, pero eu penso que todos pecan un pouco de comida rápida. A nosa é comida á carta, un restaurante 100% italiano, e non o mesturamos con comida rápida ou comida lixo. Aínda que nós sexamos rápidos, non é de comida rápida (risos).
-Que produtos traedes de Italia?
-Moitos dos nosos produtos importámolos directamente de Italia, de onde traemos todos os queixos, os viños, a fariña, a sémola, e algún embutido.