Carballo dá a coñecer o seu potencial estes días no Culturgal
Estaremos na feira das industrias culturais dando a coñecer a nosa gastronomía, a nosa arte e os nosos recursos naturais
Estes días celébrase en Pontevedra o Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, que congregará máis de sesenta entidades do ámbito editorial, musical, das novas tecnoloxías, das artes escénicas e do deseño. Alí estará tamén unha representación do concello de Carballo, co noso stand móbil de turismo, que estreamos este xuño xunto coa presentación da campaña Carballo a un paso.
O Culturgal prolongarase ao longo da finde, dende o venres 29 até o domingo, 1 de decembro. Dende Carballo, queremos aproveitar espazo de encontro, esta gran casa da cultura galega, como unha oportunidade de dar a coñecer os proxectos e as distintas actividades culturais e deportivas que se desenvolven ao longo do ano no concello: dende o festival de teatro FIOT, até festivais como o Sereas e Piratas, o Pop Up ou Xiria Pop ou o campionato de surf. Tamén se aproveitará este escaparate excepcional para dar a coñecer outros recursos de interese que ten o Concello de Carballo como o espazo natural costeiro que conforma a praia de Razo e o areal e a lagoa de Baldaio, a Ruta das Férvedas, a gastronomía local, a nosa oferta de ocio activo...
Durante os tres días de feira, ademais de distribuirse merchandising e material divulgativo, realizaranse distintas accións concretas de promoción, coa participación de creadores da zona. Así, para o venres pola tarde, ás seis da tarde, está programado o recital poético artístico "Paisaxes", coa poesía de Rosalía Fernández Rial, o pintor Mon Lendoiro e a pintora María José Costa Valiño (Chiña).
O domingo aproveitaremos para dar a coñecer un dos nosos produtos gastronómicos máis coñecido, o pan de Carballo. Quen saiba valorar un bo anaco de pan, ten aquí unha oportunidade única, pois distribuiranse moletes gratis.