Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Camiñando polas terras do marqués

Compartir:

Camiñando polas terras do marqués

Este domingo, ruta sendeirista para coñecer os principais pazos carballeses

"Percorreremos "As terras do marqués", unha ruta de sendeirismo de 14 quilómetros que, dende Ardaña até Artes, pasará por tres dos principais pazos carballeses: o de Gontade, o máis antigo; o de Vilar de Francos, o máis coñecido, e o das Pallas"

E seguimos camiñando e coñecendo os máis fermosos recunchos do concello de Carballo con Senda Nova. Este domingo percorreremos "As  terras do marqués", unha ruta de sendeirismo de 14 quilómetros que, dende Ardaña até Artes, pasará por tres dos principais pazos carballeses: o de Gontade, o máis antigo; o de Vilar de Francos, o máis coñecido, e o das Pallas, do século XVII. Ademais, subiremos ao alto da Peniqueira, punto de confluencia entre Rus, Ardaña e Artes, e alí visitaremos unha mámoa e un castro que nos farán recuperar a memoria do megalítico e da idade de ferro carballesa.

Gontade: o máis antigo dos pazos carballeses

Reloxo de sol do Pazo de Gontade

Reloxo de sol do Pazo de Gontade

A ruta comeza na parroquia de Ardaña, onde faremos a primeira parada de interese do roteiro, o Pazo de Gontade.

Son as desta parroquia terras fértiles que, no pasado, pertencían en gran parte á familia deste pazo que naceu do vínculo  (suxeición dos bens con prohibición de allealos) fundado en 1596 polo  matrimonio formado por Rodrigo de Breixo e Catalina Rodríguez.

O pazo é hoxe en día unha casa de labranza, pero tanto o seu porte como o escudo da súa fachada delatan a súa orixe nobre.

Detente no portal da entrada, porque alí poderás ver un curioso reloxo de sol gravado na pedra.

O alto da Peniqueira

Pasaremos despois pola igrexa de Santa María de Ardaña, da que chama a atención o seu esvelto campanario de cor branca. Erguido a mediados do século XX nunha soa peza de formigón, resalta sobre o resto de templo, de pedra e con características barrocas.

Tras esta paradiña, iremos subindo por camiños entre os montes de Ardaña e Artes até chegar ao alto da Peniqueira, onde visitaremos un castro e unha mámoa.

Marcando os límites entre as parroquias de Rus, Ardaña e Artes, hai unha  pedra cunha letra V debuxada. Dise que simboliza á familia Vilardefrancos, e que o V está orientado cara ás terras do marqués de Vilar de Francos, en Artes.

O Pazo e o carballo de Vilar de Francos

Pazo de Vilar de Francos

Pazo de Vilar de Francos

O Pazo de Vilar de Francos chama a atención polas súas dimensións e polo ben conservado que está, o que se debe, entre outros motivos, ao feito de que estivera habitado polo marqués até épocas ben recentes, pois nel residiu até os anos noventa.

Xente da zona aínda o lembra repartindo mazáns da súa horta nunha furgoneta, o que dá idea da decadencia do poder nobiliar. O pazo ten as súas orixes no século XVI, en tempos de Carlos V. Desa época é, de feito, a torre central, de catro andares.

Pretiño do Pazo atoparemos outro monumento, pero neste caso, natural: o carballo de Vilar de Francos. Non sabemos cantos anos ten ao lombo, pero dende logo, son centos. Para abrazalo, fan falta varias persoas, e as súas ramas, danlle sombra á maior parte da finca na que está chantado. É unha das poucas árbores, en Galicia, incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras.

O Pazo das Pallas

Pazo das Pallas

Pazo das Pallas

Remata a ruta xunto ao Pazo das Pallas, onde poderemos recrearnos coas vistas do val que o rodea. Este pazo, fundamentalmente barroco, foi fundado no ano 1600 pola familia Pardiñas Villardefrancos e Becerra. No seu escudo podemos ver as insignias das familias Bermúdez (un xadrez), Castro (seis círculos), Vilardefrancos (brazo armado con estandarte) e Pardiñas (castelo con torre de homenaxe e rodeado de silvas).

Será, este roteiro de Senda Nova, non só un percorrido polas nosas paisaxes interiores, por eses fértiles vales sobre os que antano domeaban os señores dos pazos, senón tamén pola nosa historia, por aqueles tempos no que o suor das e dos labregos ían a maior gloria daquelas familias nobres que posuían os terreos que a xente do campo tiña que traballar.

*Fotos de Senda Nova


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica