Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Gústame a cociña tradicional, sen unha...

Compartir:

"Gústame a cociña tradicional, sen unha elaboración que disfrace o produto"

Loli Brandón, cociñeira e copropietaria da viñoteca Ánfora

Loli Brandón cociñounos un bacallau á viscaína

Loli Brandón leva xa tres décadas no mundo da hostalería. Diríase que os fogóns foron determinantes na súa vida. Nun restaurante coñeceu ao seu home, tamén cociñeiro, e dende entón o seu día a día transcorre entre pucheiros. Da gastronomía vasca e da galega, as dúas patas esenciais da súa carta, di que se parecen, sobre todo, na calidade dos produtos.

-Canto tempo levades co Ánfora aberto?


-Seis anos. Levamos trinta anos traballando na hostalería. Ao meu home eu coñecino no que hoxe é o Sendero, que daquela era o restaurante Roteiro. Foi el quen me inculcou o gusto pola hostalería. Marchamos para Mallorca, onde tivemos durante dez anos un restaurante de peixes e mariscos, e despois decidimos volver e montar este negocio en Carballo.

-Por que optastes por montar un local como o Ánfora?

-O meu home tiña moi claro que quería unha viñoteca. Entón estaban en auxe. A el gústalle o mundo dos viños e decidimos montar unha viñoteca que, co paso do tempo, case é un restaurante. Comezamos con dúas tapas e hoxe temos case trinta pratos. O local é moi acolledor, dinme que cociño ben e a xente demóstramo e por iso vén. Temos bos produtos, sen unha elaboración que disfrace o produto, porque a min gústame máis a cociña tradicional. E a xente está encantada, acéptamo moi ben.

-Que tipo de produtos utilizades?

-Temos tanto cociña vasca como cociña galega. O produto é galego. Do País Vasco temos pratos como bacallau á vizcaína, pementos "do piquillo" recheos de bacallau, cocochas de bacallau en salsa verde…, e de Galicia, tortilla, raxo, zamburiñas, gambas ao allo…

-Parécense a cociña galega e a vasca?

-Si que se parecen porque hai moi bos produtos tanto aló como aquí.

-O bacallau é un dos vosos produtos estrela, nonsi?

-Si, é o peixe que máis me gusta para traballar. É un peixe cun sabor máis forte co da pescada ou o rape. É un peixe carnoso que ten unhas lascas moi ricas, con esa xelatina que lle da moi bo sabor ao pil pil,  e esas cocochas deliciosas en salsa verde.

-Que produtos de Bergantiños empregades?

-As verduras, as patacas, a carne…, son todas da zona. E tamén compramos peixe da nosa costa. Hai que comprar na zona para que a xente da zona tamén consuma. Eu adoito comprarlle a quen me compra, aos meu clientes, facendo que os cartos queden na vila, para que a xente da vila tamén poida consumir nos nosos locais. Imos á praza e ao mercado e compramos os produtos da tempada. Eu compro todo aí.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica