Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Música polas catro esquinas o venres en Carballo

Compartir:

Música polas catro esquinas o venres en Carballo

Haberá concertos de Su Ta Gar e Cristian Deluxe, e varias bandas da zona actuarán no Live in Cances

Un referente do heavy metal vasco, unha das mellores voces do dance latino e varias das bandas que fixeron rexurdir a movida musical carballesa. Este venres, na capital de Bergantiños

Todos os venres son venres de movida en Carballo, pero este promete ser especialmente intenso no que ao musical se refire, con nada máis e nada menos que dous concertos e un festival de pop rock. Cada un no seu ámbito, teremos a dous nomes ben coñecidos. Por unha banda, Su Ta Gar, a mítica banda vasca de heavy metal. Por outra, Cristian Deluxe, autor de auténticos hits de música discotequeira latina. Mais a noite do venres tamén será a dos grupos de pop rock de Carballo, para quen foi creado, hai nove anos, o festival Live in Cances.

Live in Cances, pop rock made in Carballo

Cartel do Live in Cances

Cartel do Live in Cances

O Live in Cances naceu hai nove anos do seo da dinámica asociación cultural San Campio co fin de apoiar e promocionar os grupos nacidos en Carballo. Dous dos membros da asociación formaron parte daqueles grupos que protagonizaron a movida carballesa de finais dos anos 80 e, dalgunha maneira, quixeron recuperala. Aquí debutaron, en edicións anteriores, bandas carballesas como Dude, The Killer Cats ou The Cerne.

Abrirán a noite do venres, ás dez, The Gentlemen, unha formación recente con xente moi nova formada na Escola da Rúa, cun repertorio de versións de pop-rock. Seguiralles o rockabilly dos The Killer Cats, un grupo cuxos membros formaron parte de bandas carballesas dos 80 como Los Trámites ou Los Enkfermos. Continuará a noite coa banda larachesa Malavida, que será a única de fóra de Carballo que actuará esta noite. E pecharán o cartel os Versión Imposible, músicos veteranos curtidos nos 80 e que agora, reconvertidos en Versión Imposible, reeditan cancións do pop rock español.

Su Ta Gar, heavy metal vasco

Actuación de Su Ta Gar

Actuación de Su Ta Gar

Carballo, xunto con Ourense, será un dos dous únicos sitios onde poderemos escoitar esa potente combinación de heavy metal e letras reivindicativas da mítica banda vasca Su Ta Gar, que vén de presentar o seu último traballo, "Bizirik gaude". Os Metallica euskaldún, con xa un cuarto de século e dez discos ás costas, recalarán, na súa xira por todo o Estado, na sala carballesa A Reserva. Será este venres e acompañaraos a banda ordense N.O.M.

"Bizirik gaude" continúa a estela musical do grupo e é fiel ao seu estilo, aínda que engade matices varios, dende o heavy metal ao hard rock,  o o trash metal ou mesmo a balada. Letras cunha intensa carga de reivindicación social e política, que nesta ocasión renden tributo en boa medida á loita obreira. As entradas han de comprarse por anticipado, na propia Sala A Reserva e tamén en Discos Portobello (A Coruña), A Reixa Tenda (Compostela) e O Jato Pus (Ordes).

Cristian Deluxe, dance latino

O dj Cristian Deluxe

O dj Cristian Deluxe

As súas cancións adoitan ser recorrentes nas noites de marcha. Hits como "Me vuelves loco", "Como un tonto" ou "Sólo quiero bailar" adoitan ser empregadas como banda sonora de moitos pubs. Cristian Deluxe, o cantante, produtor e DJ cacereño da compañía Roster Music, a número 1 de música dance no Estado, estará o venres no pub Carpe Diem, no espazo e na noite por excelencia da movida carballesa: o venres, na rúa da Estrela.

Teremos oportunidade de comprobar se é certo o que del se ten dito, que é un dos mellores EDM (Electronic Dance Music), é dicir, unha das mellores voces en directo do panorama musical electrónico latino. A entrada será gratuíta e haberá photocall. Teremos, ademais, ao DJ residente Juan J. Veiga.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica