Milfollas de segredo de porco ibérico e cogomolelos, gratinado con queixo provolone
Cociñando no restaurante La de Bur
Pablo Iglesias "Bur", cociñeiro e propietario de La de Bur
Unha das cousas mellores do outono en Bergantiños é a súa gastronomía. Por iso é que, cada semana a partir de agora, nos trasladaremos a un restaurante carballés para roubarlles unha receita.
Comezamos no restaurante La de Bur (Gran Vía, 26, 981 70 00 43). Alí recibiunos Pablo, cociñeiro e propietario. Preparounos nun tris un milfollas de segredo de porco ibérico, con patacas, e cebolas de Carballo, níscalos recollidos en Santa Baia, en Coristanco, e tomates de Borneiro, en Ponteceso. Dá fame só con velo!
Ingredientes para unha persoa
Segredo de porco ibérico
-Ao redor de 50 gramos de queixo provolone
-Unha cebola vermella confitada de Carballo
-Ao redor de 200 gramos de segredo de porco ibérico
-Patacas de Carballo
-Níscalos
-Un tomate da feira ou do mercado de Carballo
Paso 1. Confitamos a cebola
Usa preferiblemente unha cebola vermella, pois as vermellas son máis doces cás outras, e achegaranlle un punto de saber interesante á receita.
Para confitar, só precisas auga, aceite, azucre, viño branco e tempo.
Deixas a cebola picada en auga e aceite, a temperatura moi baixa, durante un par de horas. Logo engádeslle o viño branco e o azucre.
Paso 2. Preparamos a carne, os cogomelos e as patacas.
Emprega carne de segredo de porco, ibérico a ser posible. Córtaa en láminas e faina á grella, pero só por un lado, pois rematarase de facer ao forno.
Ao mesmo tempo que pasas a carne, tamén podes preparar os cogomelos na mesma grella. Quítalles o pé (se están fresquiñas, non fai falta), límpaas cun trapo húmedo, e pásaas á grella polos dous lados.
Corta as patacas en láminas, á panadeira, e fríteas.
Paso 3. Preparamos para o forno
Bota na base dunha bandexa aceite, preferiblemente de xirasol, pois non ten un sabor tan forte coma o de oliva. Coloca enriba o molde redondo que empregarás para darlle forma a este exquisito bocado.
Na base do molde, irá o tomate con sal, logo unha boa capa de patacas, unha cullerada de cebola confitada, unha capa de setas, a carne por enriba e o queixo de cuberta. Mete ao forno 2 minutos a 200 graos.
Paso 4. Poñémolo bonito.
Pois agora toca sacar do forno, empratar e adornar, que a comida, xa se sabe, entra primeiro polos ollos.
Sacamos o molde cun coitelo. Decoramos o prato con vinagre de caramelo de módelna, perexil, pementón e aceite de albahaca.
A que quedou precioso? Pois sabe aínda mellor. Así que, a probar!